Bernardo González del Valle
Pereiro de Aguiar (Ourense (comarca))
Nace en Pereiro de Aguiar, concretamente no lugar de Cachamuíña, que adoptou por sobrenome. Ós vinte anos e xa subtenente das milicias provinciais. Dous anos despois foi nomeado capitán de granadeiros polo seu heroico comportamento nos Pirineos durante a guerra franco-española. En marzo de 1809 o xeneral de la Romana designa a Cachamuíña á fronte do Rexemento de Lobeira ( Bande, Ourense ), con amplas facultades en toda Galicia. Instala o seu cuartel en Boborás e forma todo un exército de voluntarios, co que derrota ás tropas do mariscal Soult na batalla de Pazos de Arenteiro. Tras liberar á provincia de Ourense, foi un dos heróes da reconquista de Vigo, pola súa acción ó derrubar a porta de A Gamboa a pesares de estar ferido de varios disparos. Pouco mais tarde foi nomeado gobernador militar de Vigo, comandante da praza de Tui e xefe da Lexión de Voluntarios. En decembro de 1811 pide o retiro, concedendoselle en 1828. En 1831 retírase á súa casa de Cachamuíña, onde falece. As súas cinzas foron trasladadas a Vigo e depositadas nun mausoleo no cemiterio de Pereiró no 1932.