Santiago de Compostela
Discípulo do seu pai, Angel Brage Brage, e de Enrique Lens. Traballou como o seu pai nas salas teatrais, logo convertidas en cinematográficas, da empresa Fraga; primeiro en Santiago e logo en Ourense e Vigo. Afectado pola crise laboral que o cine sonoro provoca entre os músicos, acepta o nomeamento de director da banda La Lira de Ribadavia en 1929. O seu labor á fronte de La Lira viuse rachado polo levantamento militar de 1936, que obrigou a Brage a fuxir de Ribadavia, para evitar as represalias pola súa manifesta fidelidade republicana e galeguista.
Cesado nas súas funcións, encarcerado, prohibida a interpretación das súas obras e impedido de traballar por conta allea, trasládase á Coruña, cidade da súa dona, onde sobrevive dando clases particulares e, anos máis tarde, como pianista no café Méndez Núñez, e como acompañante ocasional e director de orquestra nos espectáculos de variedades en xira pola cidade, grazas á axuda dos amigos e da empresa Fraga.