Conta unha lenda popular que o apóstolo Santiago botou unha maldición sobre a terra de Galicia para que non dese máis viño. A pesar diso, Galicia é hoxe unha terra cun rico patrimonio vinícola. A orientación, o solo e o clima privilexiado dos vales fluviais galegos favoreceron a creación das paisaxes polos labregos que empezaron a decruar o monte e as terras baldías para plantar e cultivar viñas.
Creación das paisaxes. Expansión
O lagar rupestre no Castro de Santa Lucía de Astariz (Castrelo de Miño) sitúa o cultivo da vide en Galicia polo menos no século III d. C. Con todo, non foi ata a Idade Media cando a paisaxe empezou a cambiar coa chegada a Galicia no século X das primeiras ordes monásticas, impulsoras da produción de viño. Mediante os foros, os labregos traballaron as terras dos mosteiros a cambio dunha renda, xeralmente en especie, coa obriga de gañar novos terreos para dedicalos á vide.




Viño e máis viño
Desde as primeiras paisaxes do viño nos vales do Miño e Sil, o cultivo espallouse por outros vales interiores (Támega, Monterrei) e litorais (Ulla, Lérez, Mariñas coruñesas e lucenses), nun proceso paralelo ao crecemento das vilas e cidades ás que fornecer de viño.
Os mosteiros incrementaban o seu poderío económico e pronto esta prosperidade empezou a atraer os señores laicos, nobres rurais ou burgueses que tamén decidiron obter terras e subaforárllelas aos labradores.
Do século XV ao XVIII a vide segue expandíndose coa incorporación á produción da fidalguía rural dos pazos e da burguesía urbana acadando os viños galaicos sona internacional. O viño sairá cada vez en maior cantidade dos lagares galegos para chegar ás tabernas, ás mesas da burguesía vilega e aos portos, o que favorece tanto o mercado interior como o exterior, principalmente con Inglaterra e Flandres.




Crise e renovación
No século XVIII, a economía do viño en toda Galicia viuse afectada por unha profunda crise. Ante os grandes males, empezaron a xurdir os remedios. Os ilustrados comezaron a propoñer algunhas ideas para mellorar o sector, como abaratar o transporte facendo o río Miño navegable.
Pero no século XIX, a innovación tecnolóxica fíxose indispensable tanto para combater as pragas como para mellorar a marxe de beneficio dos produtores. Transfórmanse os modos de cultivar e de producir viño para combater as pragas chegadas de América. Introdúcense innovacións nas viñas, con tratamentos que unen saber popular e agronomía científica. A mediados deste século, ante os ataques do oídio e o mildio, os grandes propietarios e os labregos con máis recursos invisten en foles para o xofre e sulfatadoras para a aplicación do caldo bordelés. A chegada da filoxera a finais do século obriga a substituír cepas autóctonas por pés americanos, enxertándolles variantes europeas.
Por mor das pragas, sobre todo da filoxera, xorden novos marcos e sistemas de condución á hora de replantar que modifican a paisaxe, máis racionais e compatibles coa mecanización incipiente.




O século XX
Ao longo deste século incorpóranse novas ferramentas mecánicas, fitosanitarios e técnicas como o adubado químico, comercialízanse barbados e portaenxertos e aplícanse principios da agronomía moderna que elevan o rendemento. Comeza a mecanización do agro ao tempo que xurde un movemento social decisivo para o futuro de Galicia: o agrarismo, que dirixiu, entre outras, a loita contra os foros e facilitou a alfabetización dos viticultores e a introdución de novidades técnicas.
Tras a Guerra Civil Española créanse as cooperativas, unha unión para paliar a mala situación na que se atopaba parte da Galicia agraria. A primeira cooperativa creada foi a de Ribeiro do Avia, en Leiro en 1953.
Tamén xorden as feiras do viño, como a Feira do Viño do Ribeiro en 1964, que favorecen o comercio da maquinaria e dos fitosanitarios, evolucionando cara ao evento de carácter máis lúdico e promocional dos viños que é na actualidade.
Desde finais deste século ata a actualidade, as adegas industriais coexisten coa viticultura familiar e a de autor. O minifundismo e o apego á terra dan paso pouco a pouco á ampliación da superficie de cultivo e á aplicación das melloras técnicas. O futuro do sector pasa polo relevo xeracional e a convivencia harmónica dos diferentes modelos produtivos cunha aposta decidida polas castes de uvas propias, una produción de calidade e o profesionalismo dos adegueiros, que incorporan as últimas innovacións técnicas.



