Salas do museo
A exposición permanente está organizada en oito salas que permiten coñecer a historia da vitivinicultura en Galicia, as cinco denominacións de orixe do viño galego e a historia do seu edificio creado para a produción de viño desde a Idade Media.
A exposición percorre as tres plantas do edificio. Os ámbitos temáticos intégranse nos espazos de forma natural: seguen o proceso produtivo do viño ao longo da historia en Galicia e repártense nas diferentes plantas do edificio segundo a función orixinal de Santo André. A visita iníciase na planta 0 e, de forma descendente, continúa ata chegar aos lagares conservados onde se obtiña o mosto. O proceso remata na adega onde o mosto se convertía en viño.