As denominacións de orixe

Galicia ten un rico patrimonio vinícola que se estende por gran parte do seu territorio e está determinado polo clima, o solo, as uvas cultivadas, o tipo de viño, as súas xentes e a súa cultura. Os produtores poden acollerse a unha das cinco Denominacións de Orixe ou das catro Indicacións Xeográficas Protexidas (Viños da Terra) que regulan a calidade da uva e do viño de Galicia.

As Denominacións de Orixe regúlanse a través dos Consellos Reguladores, que teñen como principais funcións o control de orixe, certificación de calidade, control de mercados e a promoción dos seus produtos amparados para ofrecer ao consumidor todas as garantías. Os Consellos tamén velan polo coidado e a defensa dos viños acollidos a cada denominación, así como a promoción da Denominación de Orixe e dos viños amparados.

Os "Viños da Terra" son Indicacións Xeográficas Protexidas. Nelas acóllense as zonas que producen viños de calidade pero en menor cantidade que nas D.O., debido á súa reducida dimensión xeográfica e o pequeno número de adegas que as integran.

Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas

Denominacións de Orixe

D.O. Valdeorras

Os seus viños prodúcense na parte nororiental da provincia de Ourense, ocupando parte da bacía dos ríos Sil, Xares e Bibei. A paisaxe desta zona é moi característica, con vides en solos de granito e lousa, terras vermellas e negras, e covas ou adegas escavadas na terra cunhas chemineas de ventilación típicas chamadas "refugallos".

Denominación de orixe Valdeorras

Valdeorras

D.O. Ribeira Sacra

A crenza popular atribúe o nome desta denominación, Ribeira Sacra, á historia monástica deste territorio. Aquí establecéronse multitude de ordes relixiosas que promoveron o cultivo e a produción de viño. Na actualidade poden visitarse algunhas das igrexas ou mosteiros, repartidos polas abas cubertas de viñas.

Seguindo o curso dos ríos Miño e Sil e os seus afluentes, a Ribeira Sacra abarca cinco subzonas do sur da provincia de Lugo e do norte de Ourense. A auga dos ríos flúe a través de gargantas e canóns de forte verticalidade, por iso o cultivo da vide faise en bancais ou socalcos, en ladeiras de pendentes moi acusadas difíciles de traballar e mecanizar. Por iso é polo que a viticultura nesta zona recibiu o nome de "viticultura heroica".

 

Denominación de orixe Ribeira Sacra

Ribeira Sacra

D.O. Rías Baixas

Esta é a denominación de orixe galega que máis territorio abarca. Como nos di o seu nome, localízase principalmente ao redor das Rías Baixas, nas zonas de costa. Os viñedos abundan nos tramos inferiores dos ríos Ulla, Umia, Oitavén, Xabriña e Miño, cos seus afluentes Tea e Louro. A altitude destas zonas raramente supera os 300 metros.

É característico o sistema de condución das vides en parra, que as afasta do chan para aproveitar a radiación solar, controlar mellor o seu crecemento e limitar as enfermidades fúnxicas producidas pola alta humidade ambiental.

 

Denominación de orixe Rías Baixas

Rias Baixas

D.O. Monterrei

O máis peculiar do viño de Monterrei é o clima no que se produce, de carácter máis tépedo e seco que no resto de Galicia. Este ecoclima de interior, máis mediterráneo, é moi apropiado para o cultivo da vide. A súa denominación esténdese polo val do río Támega, afluente do Douro, e as ladeiras que o circundan na zona suroriental da provincia de Ourense. A máis altura o cultivo faise máis difícil, pero tamén se logra unha maior calidade da uva. Tradicionalmente as cepas de Monterrei cultivábanse en vaso grego, sen sistemas de suxeición. Na actualidade predominan as vides en espaller.

 

Denominación de orixe Monterrei

Monterrei

D.O. Ribeiro

Esta denominación abarca os vales dos ríos Miño, Avia e Arnoia, en Ourense, e está delimitada por cadeas montañosas que suavizan a chegada de choivas do Océano Atlántico. As condicións climáticas son por tanto excepcionais para o cultivo da vide. A paisaxe típica desta zona son as ladeiras en chanzos, creadas por bancais ou socalcos que salvan os desniveis do terreo para aproveitalo ao máximo.

 

Denominación de orixe Ribeiro

Ribeiro

Viños da terra

Na actualidade existen catro zonas vitivinícolas con I.X.P. en Galicia: Barbanza-Iria, Val do Miño-Ourense, Betanzos e Ribeiras do Morrazo.

Viño da Terra de Barbanza e Iria

A área de produción está constituída polos terreos aptos para a produción de uva dos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira e Valga, Lousame, Padrón e Porto do Son, no sur da provincia da Coruña, e Pontecesures (Pontevedra).

Viño da Terra de Betanzos

Pódense acoller a esta denominación os viños producidos, elaborados e embotellados na comarca vitivinícola de Betanzos, que abrangue os concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne, Abegondo, Oza dos Ríos e Sada.

Viño da Terra Val do Miño-Ourense

A área de produción que se pode acoller está formada polos concellos de A Peroxa, O Pereiro de Aguiar, Coles, Ourense, Barbadás, San Cibrao das Viñas e Toén. Quedan excluídas as que superan a cota dos 350 metros de altitude e aquelas que pertencen á Denominación de Orixe Ribeiro.

Viño da Terra Ribeiras do Morrazo

Acolle á produción comprendida nos concellos de Redondela, Vilaboa, Cangas, Moaña, Bueu, Marín, Pontevedra e Poio.