Historia e edificio

O Museo do Viño de Galicia forma un conxunto monumental de singular relevancia no Ribeiro con trazas clasicistas ao servizo dunha das súas funcións orixinarias: a elaboración de caldos que transitaban cara a Compostela, pero adaptada, logo da súa rehabilitación, ás necesidades actuais deste tipo de infraestruturas culturais. Foi reconstruído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela e convertido, tras a desamortización de Mendizábal, na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, lugar da parroquia na que se atopa.

A descrición que se fai no Catastro de Ensenada (1749) mostra que Santo André era unha excelente adega que contaba con medios técnicos para funcionar como tal, cunha arquitectura fóra do común para afrontar unha gran produción vitícola: un piso con cinco lagares con entrada para carros coa uva, outro para a adega e unha planta residencial con lareira e outras dependencias. Así se recolle no catastro, que informa, ademais, da existencia doutros lagares ligados a Santo André.

O edificio conxuga as calidades da arquitectura culta do XVIII, coas necesidades do mundo rural, nun sobranceiro conxunto que, coa veciña igrexa e o casal, domina o extenso val e a converte nun potente referente da paisaxe salpicada de viñedos.

Creación e misión

O edificio foi rehabilitado pola Xunta de Galicia para convertelo en Museo do Viño de Galicia. Foi creado oficialmente no ano 2019 mediante un decreto coa finalidade de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia para o coñecemento, aprendizaxe e goce dos cidadáns en xeral e o aproveitamento e consulta dos investigadores e estudosos do universo vitivinícola, en particular. Trátase dun museo de titularidade autonómica e o único de Galicia dedicado á historia da creación das paisaxes do viño desde unha vertente histórica e etnoantropolóxica ligada ás xentes viticultoras e vinicultoras de Galicia.

En definitiva, a súa misión é a comprensión do proceso histórico de creación das paisaxes do viño en Galicia a través de bens culturais relacionados co universo vitivinícola galego e dos seus protagonistas.

Historia e edificio

 

Plano do edificio