Escolas Nieto

Biografía

As Escolas Nieto nacen da man do filántropo Ramón Nieto, veciño de Lavadores que emigra e prospera en Chile. No ano 1900 encárgalle ó seu vello mestre, Severino Cobas, a creación das escolas. Ubicadas na actual Avenida Ramón Nieto, pronto as instalacións se amosan insuficientes, costeando un novo edificio a carón do anterior, en terreo propiedade da familia. No ano 1917 remátanse as obras e en febreiro de 1923 constitúese a Fundación, que da forma xurídica á escola. A institución vai funcionar coma un centro cultural e benéfico, co fin de que todos os nenos e nenas de Lavadores teñan a oportunidade de alcanzar a formación humana e intelectual necesaria para se desenvolver na sociedade. A actividade do centro mantense na actualidade.