Biografía
Fernando Quiroga Palacios, cardeal da Igrexa Romana, Maceda, Ourense (1900), Madrid (1971). Ordenouse sacerdote en 1922; doutor en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Santiago (1925) e licenciado en Sagradas Escrituras no Pontificio Istituto Bíblico de Roma (1928). Profesor e director espiritual no seminario de Ourense e consiliario da Acción Católica. Formou parte dos movementos culturais galeguistas xunto con Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo, Xaquín Lorenzo Xocas e Xesús Ferro Couselo. Co pseudónimo de F. Pazos publicou en galego na revista Logos. Fundou a publicación Verdad y Vida. Foi cóengo lectoral da catedral de Valladolid (1942). Consagrado bispo, ocupou as sedes de Mondoñedo (1945-1949) e Santiago de Compostela (1949-1971). No ano 1953 é nomeado cardeal coa titularidade de Santo Agostiño. Foi legado pontificio en Filipinas (1952) e participou no Concilio Vaticano II. Foi o primeiro presidente da Conferencia Episcopal Española (1966-1969). Convocou o Concilio Pastoral de Galicia, impulsou as peregrinacións xacobeas e preocupouse polas clases menos favorecidas, fomentando a creación de vivendas sociais e o cooperativismo agrario. Construiu o seminario menor da Asunción de Belvís, restaurou o seminario maior de San Martiño, concluíu a casa de exercicios e creou a casa sacerdotal. Continuou as escavacións na catedral e creou o Centro de Estudios Xacobeos e a revista Compostellanum. Impulsor da liturxia en lingua vernácula, aprobou O Misal Galego, editado en 1968, e oficiou a primeira misa en galego o 15 de xullo de 1971, na colexiata de Santa María de Iria Flavia. Foi académico de honra da Real Academia Galega.