Brancellao

SINÓNIMOS: albarello (España-Galicia), serradelo (España-Galicia).

CasteA brancellao, brancello ou albarello, amplamente estendida por toda Galicia nos séculos pasados, é a cuarta grande caste tinta galega. A praga de oídio de mediados do século XIX provocou o seu abandono e foi substituída pola mencía e pola garnacha tintoreira. Na actualidade é a cuarta uva tinta de Galicia en produción e estase recuperando e aumentando o seu cultivo entre vellos e novos viñedos no Ribeiro, Ribeira Sacra, Rías Baixas e Valdeorras.

UvaAcios de tamaño medio alongados de baixa ou media compacidade. Grans de tamaño pequeno e de forma elipsoidal de cor vermello violeta con pel grosa azul escura, polpa sen pigmentación de pouca consistencia e bastante zumarenta. Habitualmente utilízase para completar outras variedades que achegan unha maior carga aromática a froitos vermellos así como carnosidade e volume, aínda que tamén se está a utilizar de forma monovarietal.

ViñoVariedade de produción media con facilidade para acadar a maduración. Máis utilizada para elaborar viños plurivarietais ben estruturados de coloración moderada e con aromas penetrantes e sutís que lembran os froitos do bosque, aínda que na actualidade comezan a elaborarse viños monovarietais de gran calidade. As elaboracións tradicionais no Ribeiro combinan esta variedade, empregada como base, cos aromas peculiares do caíño e a achega minoritaria da tintilla ou sousón.

Brancellao

Brancellao