SINÓNIMOS: blanca legítima (España), albarín branco / albarín blanco (Galicia – España), branco país / blanco país (Galicia - España), blanco verdín (España-Asturias), raposo (España-Asturias).
A branca lexítima é unha variedade de uva branca de Galicia, de grande antigüidade. Cultívase principalmente nas indicacións xeográficas protexidas de Betanzos, as ribeiras do Morrazo e Barbanza-Iria. Tamén recibe os nomes de raposo, branca verdín ou branca país. Durante séculos produciuse viño con branca lexítima en Galicia ata a case desaparición das viñas polas pragas de finais do século XIX.
Os acios son pequenos e de compacidade media. As bagas teñen forma ovalada e cor verde-amarela, cunha maduración temperá. É unha uva moi aromática pero de produción media-baixa, o que fixo que fose substituída por outras vides con maior produción, pero de menor adaptación climática. É resistente á botrite.
Os viños de branca lexítima son de gradación alta, cor amarela pálida cun gran potencial aromático intenso, moderadamente ácido, de sabor doce e afroitado e algo desequilibrado como monovarietal. É ideal para mesturar con agudelo. Con esta uva elabóranse viños novos polo xeral, aínda que tamén crianzas.