Xornadas “Novas na chegada do Viño a Galicia”

6 de Novembro do 2021
Novas na chegada do viño a Galicia

Complementando o compartido durante o foro do Centro Marcos Valcárcel no mes de outubro, durante os días 5 e 6 de novembro , o Museo do Viño de Galicia acolleu a ponencia da profesora Yolanda Peña “De viños romanos. Estrullados, fermentacións  e adegas nomundo hispanorromano”, a de Francisco Javier Pérez “A difusión e a xeneralización da viticultura na Galicia medieval” e a presentación do Museo do Viño de Galicia por parte do seu director, José César Llana Rodríguez.

A través da súa experiencia na investigación déronnos novas claves para seguir ampliando horizontes na comprensión e lectura do patrimonio vitivinícola galego e da península. Deste modo, na xornada do venres, a  especialista en arqueoloxía do viño e do aceite en contextos romanos e medievais, Yolanda Peña, amosounos a importancia do traballo de diferentes disciplinas como a etnografía, a iconografía, a arqueoloxía, os textos clásicos e as análises arqueobioquímicas, para facer unha lectura coherente da evolución da produción do viño, insistindo ademais nas ferramentas empregadas para tal produción, falando da evolución das prensas, dende os modelos pétreos ata modelos móbiles coma os que se poden visitar na propia colección do Museo do Viño.

Por outra banda, o especialista en documentación da Universidade de Vigo, Francisco Javier Pérez, amosounos os documentos máis antigos dos que se teñen coñecemento da propia casa que na actualidade acolle este Museo e  levounos de viaxe por toda a xeografía galega constatando a fonda actividade vitivinícola, incluso antes de que os mosteiros se fixeran coas terras do campesiñado, insistindo nas loubanzas ao viño do Ribeiro ou as referencias aos viños de Rías Baixas e Monterrei en documentos medievais.

A xornada do venres viuse complementada coa visita dirixida polo director do Museo do Viño de Galicia, César Llana Rodríguez, na mañá do sábado 6 de novembro. A súa intervención supuxo a presentación do proxecto e colección do Museo do Viño de Galicia, sendo esta tamén retransmitida pola canle da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Durante o percorrido, César Llana destacou a orixe histórica do inmoble coa función de servir de granxa do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario (sito en Santiago de Compostela) no Ribeiro, e detallou ao alumnado da UNED os avances tecnolóxicos que foron incorporados nos séculos previos á era industrial xa nestas instalacións, como as prensas de trabe en serie ou o transporte do mosto por gravidade. Ademais, o director repasou as distintas etapas polas que atravesou o inmoble, dende casa reitoral de Santo André de Camporredondo, ata a súa cesión polo Obispado de Ourense para a instalación do Museo do Viño de Galicia. 

Con esta actividade finalizaron unhas xornadas da UNED “Novas na chegada do viño a Galicia”, que contaron cunha alta participación grazas á posibilidade de participación presencial e en liña achegando así o patrimonio cultural do noso entorno a moitos recantos máis aló dos propios muros do Museo do Viño do Galicia.