Presentación en exclusiva do documental "Covas de Valdeorras", dirixido por Cristina de la Torre.

3 de Decembro do 2023
Covas de Valdeorras

Un dos maiores segredos vitivinícolas de Valdeorras quedan á descuberta nun novo documental. A mediametraxe, dirixida por Cristina de la Torre, da a coñecer a historia, o emprego e a peculiaridade das adegas subterráneas de Valdeorras. Trátase de covas que supoñen unha sinal indiscutible do patrimonio vinícola e etnográfico que agocha esta comarca e que significan unha forma inigualable e única no tocante á elaboración e a posterior conservación do viño.

A proxección contou coa presenza de Rosendo Luis Fernández Fernández, presidente do Inorde de Ourense; Luis Jorge Álvarez Ferro, xefe territorial de Medio Rural, e José César Llana, director do Museo do Viño de Galicia. Representando a Valdeorras é preciso mencionar a José Ramón Castellanos, presidente do Consello Regulador; Joaquín Sánchez e Montse Rodríguez, presidente e vicepresidenta da Ruta do Viño, respectivamente; e Cristina de la Torre, a directora do documental.

Este proxecto trátase dunha iniciativa impulsada pola ruta do Viño de Valdeorras en colaboración e apoio da Deputación de Ourense.

A estrea rematou cunha visita guiada dirixida polo director do museo á que se lle sumou unha posterior degustación de produtos gastronómicos procedentes das terras valdeorresas.