Luís Paadín, sumiller e profesor da Universidade de Vigo, ofreceu o sábado 3 de maio un seminario que levou por título "Os milenarios lagares rupestres de Galicia", que rematou endulzando os padais cunha degustación de cinco viños producidos na contorna dos máis emblemáticos lagares rupestres que ostenta a Denominación de Orixe Ribeiro, nos cales pervive unha historia milenaria no tocante á elaboración do viño en Galicia.
Luis Paadín defendeu a importancia de articular os recursos de enoturismo como creadores de riqueza. Concretamente, no corazón do Ribeiro e durante a celebración da súa Feira do Viño, o editor da Guía de Viños de Galicia fixo un percorrido polos lagares rupestres desta comarca, lembrando a necesidade de organizar unha ruta que presente o seu conxunto como un recurso turístico xerador de riqueza, poñendo como exemplo o acontecido coa Ruta dos Lagares Rupestres de Monterrei, que se converteu en poucos anos nun dos atractivos turísticos de Verín.
Considera que a enorme riqueza patrimonial que supoñen os máis de vinte lagares rupestres presentes no Ribeiro debería ser "posta en valor e patrimonializada nun gran roteiro enoturístico" que se convertirá nun novo gran recurso da zona. "Noutras zonas, coma en Monterrei", explica, "souperon poñelos en valor —en alusión ao roteiro dos lagares rupestres de Oímbra—, pero no Ribeiro esta asignatura está pendente".
Durante o acto lembrou como el e o seu fillo, Alejandro Paadín, puxeron en valor este tipo de construcións cun pormenorizado proceso de catalogación e posterior divulgación literaria a través da publicación de "Las piedras que hacían vino".