𝘌𝘥𝘶-𝘊𝘢𝘵𝘢, o novo programa formativo do Museo do Viño.

6 de Xuño do 2024
Educata

Con motivo do Día Internacional dos Museos, e seguindo o máis recente lema proposto polo ICOM no que se reivindica a educación, o Museo do Viño de Galicia achegouse a distintos centros de Formación Profesional galegos vinculados á vitivinicultura e á elaboración de viño para ofrecer un programa didáctico durante o mes de maio, Edu-Cata, o cal foi impartido polo presidente da Asociación Galega de Sumilleres, Juanjo Figueroa.

O primeiro ciclo destas Edu-Cata estivo dirixido ao alumnado da FP Viticultura do IES Lauro Olmo, do Barco de Valdeorras. A segunda organizouse no IES García Barbón, de Verín, para os estudantes e docentes da primeira promoción do ciclo de FP de Aceite e Viño e, finalmente, achegámonos ata o IES O Ribeiro, en Ribadavia.

Juanjo Figueroa repasou os viños das cinco Denominacións de Orixe e das IXP galegas, afondou nos matices e tipicidades das diversas castes segundo a zona de elaboración, achegou suxerencias coas cales poder identificar estes viños en nariz e boca e recordou a importante riqueza varietal da que Galicia é posuidora.

Aínda que estas catas foron ofrecidas aos mencionados centros, o venres 31 de maio organizouse unha derradeira sesión no Museo do Viño de Galicia mediante unha cata de viños Godello, aberta ao público xeral e completamente de balde.