Cando falta apenas un mes para que o Museo do Viño de Galicia cumpra os seus primeiros 6 anos de vida, logo da súa apertura o 19 de xuño de 2019, a institución defendeu en Requena o seu papel como xerador de identidade para o sector do viño en Galicia.
Foi no decurso do “XXI Simposio de Museos del Vino de España”, onde o caso galego foi posto como exemplo de integración, xeración de identidade e posta en valor das distintas Denominacións de Orixe galegas.
Con máis de 200 actividades desenvolvidas durante estes seis anos, tanto na sede de Santo André de Camporredondo (Ribadavia), coma nos territorios das principais comarcas produtoras, o museo tense caracterizado por ofrecer unha plataforma de difusión tanto ás visións académicas que estudan a cultura, a historia e a antropoloxía do viño, como ás empresariais e técnicas. Así o fixo desde o primeiro ano coas xornadas “Do viño de Galicia”, na que profesores, historiadores e investigadores deixaron constancia en cada D.O. dos orixes da súa viticultura.
Igualmente, ciclos de conferencias, como “In Vino Veritas”, teñen combinado a divulgación das tipicidades das distintas castes que conforman o universo vitícola de Galicia, e trasladado as mesmas á docencia dos diversos ciclos de FP nas distintas provincias.
Viticultores e sumilleres de primeira liña nacional e internacional, como Rafa Palacios ou Diego González, institucións como o Instituto Galego do Viño ou a Asociación Galega de Sumilleres e estudosos como o ampelógrafo Rafael Ocete ou Luis Vicente Elías tamén participaron nas actividades divulgativas do museo, sempre coa finalidade de promover unha identidade propia da cultura do viño en Galicia. Numerosas publicacións serviron a este fin, como as xornadas “Falemos do futuro da viticultura de Galicia”, na que as inquedanzas do sector atopan un foro de discusión.
Hai que sumar as Catas Sonoras e innumerables visitas guiadas, que foron glosadas no simposio, e que teñen permitido que a antiga reitoral de Santo André de Camporredondo acadase máis de 29.000 visitantes nestes seis anos.