O Museo do Viño de Galicia acolleu a presentación da 62 edición da festa do pulpo de O Carballiño.

1 de Agosto do 2024
1



O pulpo do Carballiño sempre estivo vencellando ao mundo do viño galego, e moi especialmente ao viño do Ribeiro, que nunca faltou nas mesas do xantar popular que se celebra o segundo domingo de cada mes de agosto. Por iso, tal e como explicou hoxe o concelleiro de Turismo do Carballiño, Manuel Dacal, no acto de presentación que tivo lugar no Museo do Viño de Galicia, “é de xustiza adicarlle á denominación de orixe esta 62 edición, a terceira que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional”.

O edil quixo estender a homenaxe “aos seus protagonistas, os pulpeiros e pulpeiras, viticultores e bodegueiros que souberon perpetuar unhas antigas tradicións e convertelas en símbolos de excelencia gastronómica na Galicia do século XXI”. No acto tamén participaron o alcalde en funcións do Carballiño, Pepe Castro; o alcalde de Ribadavia e vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, e a presidenta do Consello Regulador da D. O. Ribeiro, Concha Iglesias.

Castro explicou que é fundamental seguir potenciando estes produtos e manifestou o “gran orgullo que supón a unión entre O Carballiño e O Ribeiro” e manifestou a intención de seguir loitando para que a festa, que conta dende o 2022 coa declaración de interese turístico internacional, siga medrando.



Seis bodegas participarán na Mostra de Viños



A programación desta edición da Festa do Pulpo ten moi presente aos bodegueiros e por iso organizouse a Mostra de Viños que terá como escenario a Praza Maior do Carballiño os días 3 e 4 de agosto en horario de 12.00 a 21.30 horas. Contarase coa participación de 6 bodegas: Arco da Vella-Adega do Eladio, Adega Viña-Carpazal, Eduardo Bravo, Casal de Armán, Pazo Tizón e Oryctes.