Estas xornadas pretenden establecer un marco de reflexión e diálogo co sector do viño sobre o futuro da vitivinicultura galega. Nelas participan diferentes axentes do sector, dende o viticultor ata o fabricante de rollas, pasando polo enólogo e o historiador.
A terceira edición deste ciclo de conferencias, que se leva organizando dende abril do 2024, abordou a visión sobre o concepto de identidade dun territorio vitivinícola: as súas características físicas e culturais, aquilo que o diferencia e singulariza. Así mesmo, definiuse a importancia da viña como unidade de expresión e calidade dun viño, e a diferenza entre unha variedade de uva e o territorio. Como pano de fondo, estivo presente a clasificación dun territorio vitivinícola baixo criterios de calidade, compromiso e responsabilidade.
Tralos relatorios levouse a cabo unha mesa redonda na que se debatiu sobre o que demandan hoxe en día os consumidores, preguntándose se se decantan máis pola variedade de uva ou ben polo territorio; valorouse se o sector do viño se atopa en crise na actualidade; e reflexionouse acerca de como lles gustaría aos asistentes que fose o futuro do viño en Galicia.
A organización destas xornadas conta coa colaboración da Asociación de Viticultura Artesá de Galicia, a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e a Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico.
Programa.
➤ JOSÉ LUÍS MATEO, viticultor e produtor en Quinta da Muradella. "A viña como proxecto de vida. Ao meu xeito".
➤ CARLOTA IGLESIAS VÁZQUEZ, sommelier no restaurante Cabanas, Premio Madrid Fusión Juli Soler ao Talento e Futuro do Viño. "O que importa. Visión dunha sommelier sobre o futuro do viño en Galicia: Territorio ou variedade?"
➤ SERGI MONTALÀ, sommelier e propietario de Estones Vins. "O auxe dos territorios vitivinícolas en Cataluña: Zonificación vs variedade de uva".
➤ MARTA CORTIZAS, sommelier do restaurante Celler de Can Roca e Mellor Sommelier de España 2025. "Como entender un viño: O territorio si que importa".