Curso de cualificación en viños WSET Nivel 1.

7 de Outubro do 2021
WSET Nivel 1

O pasado mércores 6 de outubro o Museo do Viño de Galicia acolleu unha nova edición do curso de cualificación "Wine & Spirit and Education Trust" (WSET) en viño impartida por Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy (galicia.wine). Esta é unha nova edición da primeira das actividades formativas especializadas que se realizan tralo parón provocado pola situación sanitaria e correspóndese co Nivel 1 dos catro que oferta a prestixiosa academia londinense, con formadores habilitados en diferentes partes do globo.

A través desta formación as persoas asistentes puideron coñecer de maneira práctica e con catas seleccionadas os principais estilos de viño, as súas características organolépticas e as posibilidades de maridaxe dos mesmos. Un curso dirixido tanto a profesionais como a afeccionadas onde as e os participantes realizaron un test qe deberá ser validado por WSET Londres para a obtención da certificación.

O Museo do Viño de Galicia inicia así unha nova edición das formacións impartidas por Galicia.wine en colaboración co Museo do Viño de Galicia e o Concello de Ribadavia,  módulo que verá o seu remate os vindeiros 22 e 23 de novembro, se as circunstancias o permiten, coa edición correspondente ao Nivel 2 do WSET.