Biografía
Roberto Eduardo Padín Rodríguez, debuxante, humorista e pintor. Abandonou os estudos eclesiásticos no Seminario de Tui para seren un dos fundadores do xornal El Miño. En 1916 publicou o primeiro debuxo humorístico en Vida Gallega, revista na que colaboraría ata 1935 e da que foi subdirector (1924 a 1927). Colaborou no Faro de Vigo, La Semana, La Integridad, La Región, El Ideal gallego. Participou, entre outras, nas exposicións de Arte Rexional Galego (Santiago de Compostela, 1926) o na de Amigos del Arte (Vigo, 1934). Da súa obra pictórica, caracterizada polo seu dominio do debuxo e o seu realismo, podemos citar, coma exemplo, o retrato do Bispo Salvado (1942), doado polo artista e conservado no Museo Diocesano, ou o retrato do bispo de Ourense Florencio Cerviño (1942), encargo do Concello de Tui e hoxe no Salón de Plenos da Casa do Concello, paisaxes tudenses e diversos retratos existentes na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, entre os que destaca o retrato de Avelino Rodríguez Elías. O ano 1983 Clodio González Pérez reeditou unha antoloxía dos seus debuxos humorísticos.
[Gonzalez Perez, Clodio: voz "Padín Rodríguez", Gran Enciclopedia Gallega, XXIII, p.: 207]
[Mateo Álvarez, José Luis (2013) in: http://xornal.vigo.org/pdf/educacion/miguelrodal.pdf]