Algunhas das grandes festas vinícolas do mundo romano foron as denominadas Vinalias. Dúas celebracións populares levaban este mesmo nome, tendo por unha banda as Vinalia Priora e pola outra as Vinalia Rustica, tamén coñecidas como Posteriora. Tratábanse de festividades nas que os romanos honraban aos deuses Venus e Xúpiter coa esperanza de que as colleitas dese ano fosen prósperas. Mentres que Xúpiter simbolizaba o viño nos ámbitos relixioso e ritual, Venus era a representante do viño consumido no ámbito doméstico, na vida cotiá.
Abril, tempada primaveral e mes sinónimo de floración e xerminación da natureza. A festividade vinícola das Vinalia priora acontecía cando o calendario romano sinalaba o 23 de abril. Este era un evento que xiraba en torno ao viño e á vendima e con ela dábase inicio ao proceso de vinificación. A modo conmemorativo degustábase o viño novo e realizábanse libacións a Xúpiter co viño da colleita anterior.
Outra serie de festas de semellante índole eran as Vinalia rustica, as cales sucedían uns meses máis tarde, o 19 de agosto. Varrón asegura que estaban adxudicadas á Venus Obsequens (“Complacente”), coincidindo co aniversario da construción do templo consagrado á divindade, no 295 a.C. (A Lingua Latina, 6, 20). Sen embargo, a orixe máis famosa das Vinalia Rustica ten como protagonistas a Turno e Mecencio, rei de Etruria, na súa loita contra Eneas. Eneas suplicoulle a Xúpiter que o triunfo fóra seu, prometéndolle a cambio unha gran parte da colleita de viño obtida en territorio romano. O vencedor foi este último, polo que ao deus lle foron adicadas.
As Vinalia Rustica estaban consagradas a Xúpiter e oficiadas polo flamen dialis, o sacerdote do deus. Varrón recorda na súa Lingua Latina (Libro VI, 16) a celebración das Vinalia rustica e, máis concretamente, as funcións que recaían no sacerdote. O flamen dialis ofrecía sobre un altar os sacrificios a Xúpiter, entre os que destacaba o dunha cordeira; recollía o primeiro acio, un sinxelo xesto que autorizaba a recollida de uva anual, e tamén tentaba presaxiar como sería a vindeira vendima.
“Xa están atadas as vides, xa a plantación ofrece o descanso á podadeira, xa o viñador canta o fin dos seus traballos, rematadas as súas fileiras e, sen embargo, a terra hai que atendela de continuo [...] e temer a Xúpiter, cando as uvas están xa maduras” (Virxilio, Geórgicas, II, 417-419). As Vinalia rustica gozaban dunha gran relevancia xa que nelas implorábase que o clima fose propicio para que as colleitas do sucesivo ano foran abondosas. Os viticultores confiaban en Xúpiter, administrador do clima, das tempestades e das choivas, e pedían o seu favor para que a maduración das uvas non se malograse durante o seu ciclo.
Imaxe: Detalle do mosaico de "A Vendima", Casa do Anfiteatro, s. III d.C. Museo Nacional de Arte Romano de Mérida.