A vendima durante a Antigüidade, unha tradición milenaria.

17 de Outubro do 2021
Detalle de kýlix ou copa ática de figuras negras, Pintor de Chiusi, finais do s. VI a.C. Mostra a un grupo de silenos e ménades nun viñedo, recollendo os acios de uva para o seu transporte en cestos.

Durante a Antigüidade a recollida dos maduros froitos da vide, a vendima, realizábase nos meses de setembro e outubro, unha vez rematado o verán e co comezo da estación do outono, aínda que sempre dependía do grao de madurez dos bagos e das condicións climáticas de cada rexión. Sen embargo, nalgunhas ocasións incluso se buscaba unha sobremaduración da uva para a obtención dun viño moito máis doce, como o exemplo do viño passum, ao cal lle adicamos un artigo no blogue.

Era este un acontecemento que supuña un motivo de festividade no que durante varias xornadas o xúbilo estaba ben presente entre as xentes, unha ledicia que emerxía co remate do ciclo vitícola e sobre todo ao observar finalmente nas propias mans eses froitos nados tras haber traballado durante os derradeiros meses.

É na literatura grega, da man de Homero, onde por primeira vez se fai alusión á vendima, nuns versos nos que describe o xardín do palacio de Alcínoo: “ten Alcínoo alí mesmo plantada unha ubérrima viña e ao seu lado vese un secadeiro en aberta chaira onde da recio o sol; das uvas vendiman unhas mentras pisan as outras; non lexos vense as agraces que a flor perderan fai pouco ou que pintan apenas” (Odisea, VII, 122-126).

Entre os preparativos que darían comezo á vendima atopamos a limpeza e a reparación, sempre que fose preciso, dos recipientes para a fermentación do viño. Estas tinallas recibían un tratamento previo mediante o embregado interior (picatio), para evitar a porosidade e facelas impermeables e así garantir a conservación do viño. Despois de untar con brea as tinallas debían limparse con auga de mar e deixalas secar durante varios días. Unha vez secas perfumábanse con substancias aromáticas como o incenso, a mirra ou a canela. Esto era fundamental xa que o breo podía outorgarlle ao viño un certo cheiro e regusto amargo e desagradable. Paladio incluso aconsellaba probar esta substancia xa que un elevado grao de amargura podía estropear o viño, e indicaba á súa vez que para un tonel de douscentos congios (un congio son aproximadamente tres litros) facían falla 12 libras de breo (Tratado de agricultura, Libro X, XI).

Tamén era importante revisar que aqueles utensilios e ferramentas que fosen a ser empregados estiveran en boas condicións. Por outra banda, era necesario o adecentamento dos lagares, das prensas e dos depósitos de recollida que recibían o mosto tralo prensado. Debía limparse todo esto con auga salgada do mar se este estaba preto, ou senón con agua doce, aínda que non fose o máis convinte, e frotalos ben con moira quente e afumalos. Ben afumadas, barridas e limpas tamén debían estar as adegas, para evitar calquera cheiro desagradable.

Longo de Lesbos faise testemuña deste acontecemento, describindo as labores da vendima dun xeito desenfadado e alegre: “como xa se estaba en pleno outono e se botaba enriba a vendima, todos andaban no campo atareados. Este o lagar deixaba a punto, limpaba aquel as cubas e aquel outro tecía cestos. Ocupábase un dunha pequena podadeira para cortar acios, outro dunha pedra con que poder exprimirlles todo o zume” (Dafnis e Cloe, Libro II, 1-2). Nos viñedos os acios eran cortados con pequenas ferramentas de ferro chamadas falculae. Despois botábanse en pequenos cestos de vimbio (corbulae) que eran vaciados en cestos máis grandes e transportados sobre os hombreiros dos mozos máis novos ou posiblemente ao lombo de asnos ou en carros cara aos lagares, onde se realizaba o pisado ou prensado da uva. Esto suxire que as xornadas adicadas á vendima eran moi intensas, o cal moitas veces podería requerir a contratación de man de obra allea cando a propia familia e a axuda de amigos non eran suficientes para traballar as explotacións familiares. Finalmente, a caseira tería como cometido supervisar todo este proceso, sendo ela a encargada de vixiar a prensa e mais a adega mentres durase a vendima, co obxectivo de asegurarse de que as tarefas de trafega fosen feitas con limpeza e boa orde, e tamén para que ninguén tivera ocasión de roubar os froitos (Columela, De re rustica, Libro XII, 18)

 

Imaxe: Detalle de kýlix ou copa ática de figuras negras, Pintor de Chiusi, finais do s. VI a.C. Mostra a un grupo de silenos e ménades nun viñedo, recollendo os acios de uva para o seu transporte en cestos.