A tradición oral vitivinícola, base de memoria cultural e histórica.

16 de Abril do 2021
Pandeireteiras. Daniel Rodríguez Castelao, 1942. Colección privada.

Temos o compromiso de manter a nosa cultura e tradición vivas e activas, e as nosas letras gardan moita sabedoría! Este mes, imos rescatar algunhas coplas, refráns e retrouxos, cuxa presencia en foliadas e en oficios coma o dos cesteiros ou o dos ferreiros tivo gran pegada e cuxas variantes atópanse ao longo e ancho do país! 

As cantigas, ao se transmitir de xeito oral e non ser recollidas na escrita ou por medio de gravacións até hai relativamente pouco, van variando en relación á zona na que se cantan e mesmo podemos escoitar a mesma copla en diferentes cantigas. A fala explícanos que acontecía en cada mes do ano, acudindo moitas veces á retranca ou ao santoral. E tamén a fala, ocultaba conversas nalgúns dos oficios vinculados coa vide.

O verbo dos bogardeiros (cesteiros) non é o único coñecido e documentado dentro da tradición oral galega, mais sérvenos para comprender que a súa fala era o produto da adopción de verbas doutras linguas coma o éuscaro, o catalán, o latín..., erixíndose case coma unha fala criptolóxica, para que as persoas alleas ao oficio non puideran entendelos.

A recollida do verbo destes gremios debémoslla a filántropos coma Enrique Peinador Lines, que recolleu a fala dos cesteiros de Mondariz no seu “Vocabulario dos cesteiros de Mondariz” compilando máis de trescentos termos, para que tal herdanza non se perdera, aínda que a existencia desta fala está xa documentada dende o século XVIII.

Se ben este exemplo demóstranos o interese antropolóxico, etnolóxico ou filolóxico que espertaba a lingua que usaban para comunicarse entre eles os cesteiros, isto é aplicable aos afiadores, aos ferreiros ou aos canteiros. Pero ademais, a forma de explicar o discorrer do ano concretábase tamén nas cantigas que se escoitaban durante os traballos do campo ou nas conversas de cotío.

Falar do mes de abril lévanos ao clásico “en abril augas mil, que todas caben nun barril”, pero son moitas máis as rimas que aínda se recordan se lles pedimos ás e aos nosos maiores que nos conten como se calculaba o tránsito do ano. Por exemplo: “marzo ventoso, abril chuvioso, traen a maio florido e fermoso”, e con maio os maios! Vedes? A fala expresa tanto ou máis se nos paramos a escoitala con atención, pois o que a climatoloxía de cada mes trouxera tamén podía supoñer momentos de ledicia ou de dores de cabeza para o campesiñado! “Abril, deixa ás viñas durmir”, porque xa sabedes que unha xeada é o último que queremos unha vez iniciada a agromada!

Temos visto así coma a tradición oral nos expresa as teimas, gozos e inquedanzas da sociedade e rematamos esta pequena reflexión cun cantar que na contorna do Museo do Viño ben coñecen, pero que, de seguro, levanta algunha polémica, o “Cantar do Arrieiro” que, dependendo de onde o recollamos, escoitarémolo con coplas que citan a O Ribeiro, Monterrei... e vós que versión seguides?

Deixámosvos ademais, a ligazón á versión de Luz Divina Vázquez, de Anxeriz, froito dunha marabillosa recollida realizada por Pedro Bass, Xermán Muíños, Berta do Motinho, Pichi Aboiado, Rosa Hermida e Luís Prego en febreiro de 2011. 

O cantar do arrieiro

éche un cantar moi baixiño;

cántano en Ribadavia

resoa no Carballiño.

 

Deixame subir ao carro,

carreteiriño das uvas, deixame subir ao carro

collerei das máis maduras.

 

Monterrei está no alto,

Tendiril está no baixo,

Nosa Señora da Estrela, ailelelola

está nun campiño raso.

 

Desoutro lado do río

teño unha parriña de uvas

e o barqueiro non me pasa,

e elas caen de maduras