Tecnoloxía móbil na Ribeira Sacra para evitar a aparición e propagación das pragas.

22 de Decembro do 2023
1

O novo reglamento “Da granxa á mesa”, anunciado por Bruselas, é un proxecto moi ambicioso no que se expón non só a mellora da agricultura europea, senón tamén a ecoloxía da viticultura galega. A partir do ano 2030 será de obrigado cumprimento a redución do 50% dos produtos fitosanitarios no viñedo polo que os estados membros da Unión Europea terán que buscar novos criterios que substitúan ditos produtos. O emprego de sulfatos son primordiais para o tratamento das enfermidades de tipo endémico que atopamos nos viñedos, coma o mildeu e o oídio.

Coa exposición deste novo reglamento a Ribeira Sacra é a zona galega onde están comezando a documentarse e a investigar novas cuestións que axuden a cumprilo. É por iso que o Consello Regulador desta D.O., en conxunto co grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra-Courel, preparan xornadas informativas sobre o tratamento e a prevención que fai falta para evitar a aparición das pragas no viñedo. Nestas xornadas tamén se quere poñer en marcha unha das ideas máis reivindicativas e modernas que xa leva tempo na cabeza dos máis novos viticultores, a cal é a creación e emprego dunha aplicación móbil que achegue avisos en tempo real das incidencias que se poden atopar na zona. O que se pretende coa introdución desta tecnoloxía é garantir ós viticultores a chegada das alertas coa inmediatez necesaria para frear con tempo a propagación das enfermidades do viñedo e así reducir o volume de tratamentos fitosanitarios.

O emprego desta aplicación é bastante complexo pola infraestrutura que se necesita e pola orografía do terreo da Ribeira Sacra. Con todo e iso nesta zona xa atopamos a instalación dunha ampla rede de estacións de avisos nas diferentes subzonas desta D.O. adaptadas con medidores de temperatura e pluviometría e, á súa vez, conectadas co servizo galego de meteoroloxía (MeteoGalicia), polo que grazas a isto recóllense moitos datos en relación coa agrometeoroloxía. 

A viticultura estase adaptantado ós novos tempos nos que a visión ecolóxica e menos contaminante está a cobrar gran sentido, non só no viticultor senón tamén no catador de viño, quen esixe a mesma calidade, pero con menos produtos químicos.

Esta é unha ardua tarefa que todas as Denominacións de Orixe teñen pendente e que pouco a pouco se vai implementando coas novas xeracións para obtener viños de gran calidade e que non sexan daniños para a saúde.