San Xes de Francelos

31 de Agosto do 2024
1

Na pequena parroquia de Francelos, a apenas 2 km. de Ribadavia, atópase agochada entre casas e valados unha das xoias prerrománicas de maior importancia da nosa terra. 

Esta capela, considerada monumento histórico-artístico dende o ano 1951, é unha amalgama de pezas resultado de numeras transformacións ao longo dos séculos. As primeiras novas datan de finais do século IX, e atestiguan a existencia dun primeiro cenobio de monxas benedictinas que pronto pasaron a depender do mosteiro de Celanova. Unha das mulleres máis influentes da época, Ilduara Eiriz, devota cristiana e nai da figura política e relixiosa de San Rosendo de Celanova, doa ao propio mosteiro de Celanova “viñas en Castella”, nome co que eran coñecidas as terras de Ribadavia (Luis Congil 2020, 56). 

Ademáis da suculenta historia deste pequeno edificio, é moi interesante a súa fábrica artística, mestura de elementos foráneos con outros autóctonos. Deixando a un lado a chamativa iconografía de sendos perpiaños que presiden a entrada, a portada está dominada por unha belísima celosía, única na arte prerrománica. É precisamente esta peza arquitectónica a protagonista desta pequena investigación, xa que pola súa feitura esperta diversas opinións entre os teóricos que a estudaron. Algúns deles, ven claras influencias dun estilo visigótico tardío (Rivas 1971, 63; Núñez 1978, 169-178), outros abogan polo arte asturiano (Vázquez Pardo 1928, 297; Filgueira 1929, 31; Rivas 1971, 63; Yzquierdo 1993, 99-105) ou incluso polo mozárabe (Vázquez Pardo 1928, 297; Rivas 1971, 63). 

Sexa como for, esta celosía de pedra presenta un finísimo calado de dúas rosáceas de oito pétalos intercalados con decoracións triangulares e tres pequenos arcos de ferradura na súa parte alta. O marco decórase cunha moldura sogueada que, á súa vez, está enmarcada por unha longa rama serpenteante de vide con acios. Na súa parte superior, estes están sendo picados por catro aves enfrontadas e emparelladas, símbolo da Eucaristía e sangue de Cristo. 

Unha vez máis, o arte demostra a importancia dun lugar, neste caso emparentando as terras de Ripa Avia con donacións de viñas, mosteiros medievais e grandes personaxes da historia. 

 

Bibliografía

Vázquez Pardo, E. 1928: “Otro monumento prerrománico en la provincia de Orense. La capilla de San Ginés de Francelos”, Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, VIII, pp. 289-299.

Filgueira Valverde, J. 1929: “A Eirexa prerrománica de Francelos”, Revista Nós, año XI, 62, pp. 27-31.

Rivas Fernández, J. C. 1971: “Algunas consideraciones sobre el prerrománico gallego y sus arcos de herradura geminados”, Boletín Auriense, I, pp. 61-125.

Núñez Rodríguez, M. 1978: Arquitectura prerrománica. COAG, Santiago de Compostela.

Yzquierdo Perrín, R. 1993: Arte Medieval (I). Hércules Ediciones, A Coruña.