
O cultivo e o consumo de viño adquiriron dende a Antigüidade unha especial relevancia en diversos ámbitos da vida cotiá, influíndo xa dende a Antiga Grecia nos aspectos económico, social e relixioso. As amplas cualidades nutritivas convertíano nun produto esencial na dieta diaria da sociedade grega, servía para animar os banquetes e simposios das clases máis altas expresando certa distinción e xerarquización social, tiña o engadido de posuír un carácter sacro ou devocional ao formar parte de ritos relixiosos, sacrificios e libacións adicados aos deuses e incluso se empregou con fins farmacolóxicos.
Entre as distintas fontes das que dispoñemos para o estudo do viño a da numismática non podía faltar. As primeiras moedas en ser acuñadas remóntanse a mediados do século VII a.C., baixo o mandato de Ardis II de Lidia (Asia Menor) e estaban compostas dunha aliaxe de ouro e prata. Sen embargo, a súa proliferación en Grecia veu marcada polo desenvolvemento comercial que se produciu por todo o Mediterráneo e o Exeo, o que supuxo un considerable aumento na circulación de moedas cunha variada iconografía vitivinícola.
Existe unha grande diversidade en canto ás tipoloxías e estilos dentro da numismática grega, reflectindo algúns deses exemplos un destacado dominio artístico. As moedas cumprían unha función propagandística representando a cada unha das poleis que as acuñaban e empregaban unha linguaxe clara que permitise identificar a devandita imaxe coa polis da que procedían. Entre elas destacaron a Magna Grecia, Macedonia e Sicilia como as principais emisoras naquel tempo.
Os temas seleccionados eran variados, sendo representados animais, plantas, seres fantásticos, mitos, etc.. Mais dado o valor como elemento de intercambio nas transaccións económicas algunhas das moedas representaban relatos moi concretos, como os de temática de índole agrícola que se convertían nunha boa testemuña dos recursos dos que dispoñía a propia cidade, como a oliva, as espigas de trigo e, por suposto, uvas, representadas tanto en escenas vitivinícolas ou incluso reflectindo a variedade específica que cultivaban. É así como as moedas se converten nunha interesante fonte de información acerca daqueles lugares onde se producía ou comercializaba o viño.