Recentemente, falamos de materiais alternativos para a almacenaxe e crianza do viño. Naquela ocasión tratouse do formigón, empregado xa durante o século XIX e recuperado na actualidade por certas adegas polas súas propiedades diferenciadoras. Hoxe falaremos do granito, elemento co que se poden facer uns depósito moi semellantes en forma aos denomidaos como ovos de formigón e que está a triunfar na actualidade en Galicia e noutras zonas produtoras.
O granito tense revelado recentemente, tras distintas probas e controis de calidade, como un interesante material para a crianza dos caldos por factores como:
- Favorecer a microosixenación dos viños
- Posuír unha elevada durabilidade
- Tratarse dun material moi versátil
- A súa composición facilita unha correcta limpeza e esterilidade
- O granito acentúa o carácter mineral dos viños
En canto á forma, ese aspecto ovoide, como no caso dos recipentes de formigón, responde a principios físicos que favorecen o movemento do líquido. As diferenzas térmicas entre interior e exterior e a propia morfoloxía do depósito permiten que o viño se encontre nun movemento constante e non precise do procedemento de batonnage manual.
Por outra banda, o granito galego destaca por ter uns niveis de porosidade que permiten a microosixenación controlada dos caldos.