Os foros.

15 de Xaneiro do 2021
Foro da Granxa das Casas do 18 de maio de 1611.

A expansión dos viñedos a gran escala comezou coa chegada das ordes monásticas a Galicia a partir do século X. Pero, pese a que a Igrexa foi unha gran impulsora deste producto, os labregos foron os encargados da súa expansión, coidado e posterior producción. Dada a problemática derivada da titularidade do solo, en mans da nobreza e o clero, e na busca por parte destes dunha vinculación legal entre ambos estamentos sociais, xorden os foros no século XII.

Os foros eran contratos de longa duración que vinculaban a un campesiño (vasalo) cun señor feudal ou a Igrexa, polo uso dos seus terreos a cambio dunha renta. Xeralmente, a renta correspondíase cunha porcentaxe da producción agraria, variando ese tanto por cento dun contrato a outro. Este tamén incluía cláusulas de coidado que o campesiñado debía cumprir ao longo do ano, así que coma unha serie de días anuais nos que a condición de vasalaxe obrigábaos a estar á disposición das necesidades do propietario da terra, clérigo ou nobre. É dicir, o sistema foral articulaba as relacións sociais desta época, xa que superaba á relación polo uso da terra e enfatizaba as relacións de vasalaxe respecto ao seu señor. 

A duración dos contratos foi variando segundo a situación social e a época na que nos atopemos: os primeiros foros -e ata o século XIII- firmáronse a perpetuidade. Dende ese momento pasan a asinarse por un número de voces (xeracións). Durante a época moderna, a duración destes, veu condicionada pola sucesión de monarcas, xeralmente tres reis.

Como exemplo, amosámosvos o foro procedente da Granxa das Cascas (anexo do mosteiro de Santa María de Sobrado) do século XVII que estipulaba que o campesiño había darlle á terra tres cavas e unha poda ademais de tela ben coidada e entregar a cuarta parte da producción ao mosteiro. 

Debido a que a sociedade galega era principalmente agraria, este tipo de contrato mantivo a súa presenza en Galicia até ben entrado o século XX.