Os ferreiros, máis que un oficio.

11 de Febreiro do 2021
Fol de barquín da colección permanente do Museo do Viño de Galicia.

Un dos colectivos de artesanía de maior importancia durante moitos séculos foi o dos ferreiros, encargado de realizar toda clase de ferramentas. Estes artesáns, estaban deificados na antiga Grecia, baixo a protección de Hefesto, deus asimilado posteriormente polos romanos baixo o nome de Vulcano. Ambos eran as deidades do lume e das fraguas. Este feito pódese observar nas diferentes representacións artísticas que se suceden ao longo da historia, e que mostran ao deus no seu taller manipulando o ferro, como por exemplo os cadros da colección do Museo do Prado, de Diego Velázquez e de Jacopo Bassano, do mesmo título “A fragua de Vulcano” ou o de Peter Paul Rubens, “Vulcano forxando os raios de Xúpiter”.

O proceso de forxado consistía en quentar o ferro ata que este estivera ao roxo vivo para posteriormente poder manipulalo. Para acadar a temperatura desexada o artesán facía un lume con carbón, leña ou coque e axudado por un barquín ou un atizador ía subindo a temperatura do mesmo ata acadar a desexada. Para isto servíase da axuda do barquín, que tiña como función principal expulsar o ar a gran presión para avivar as lapas. Unha vez o metal acadaba a temperatura desexada (cando adquiría unha cor branca-alaranxada) era o momento de moldealo. Para facelo, utilizaban o martillo, o prisma de ferro para golpear e as tenazas, entre outras ferramentas. Tamén podían utilizar moldes de metal para fabricar utensilios de menor tamaño e formas particulares como os cravos ou as ferraduras. 

Se nos centramos na importancia deste colectivo no mundo vitivinícola, veremos que ambos estiveron moi vencellados, pois os artesáns eran os encargados de proporcionarlles aos viticultores as diferentes ferramentas que se usaban durante todo o ciclo da vide, dende as aixadas, sachos e navallas para a inxerta ata as tesoiras de poda e de vendimia. Pero non era a única relación que ambos mundos mantiñan, pois os ferreiros tamén realizaban os cravos e os aros de metal utilizados nos barrís e toneis usados no proceso final do viño, a fermentación, e a súa posterior almacenaxe e transporte. 

A importancia das agora chamadas industrias auxiliares é pois, importante dende sempre, xa que uns oficios non terían sido sen a existencia dos outros.