A olería do viño: unha relación ancestral.

23 de Xullo do 2021
Cuncas e xerra de Niñodaguia

A olería é un dos oficios de tradición centenaria en Galicia vencellado dende a súa orixe coa cultura do viño. O consumo do viño ten unha dimensión social moi relevante xa que forma parte dos ritos relixiosos, das festividades e tamén do ámbito do fogar. Toca practicamente todas as facetas da vida e establece unha cultura e uns costumes comúns a cada grupo xerando unha longa tradición sobre estes saborosos caldos. Como oficio, a olería comeza dunha forma individual e principalmente doméstica pero pronto pasa a depender da alta producción de certas actividades agrarias para ofrecerlles obxectos necesarios para desenvolver o traballo de producción como foi o caso do viño.

No Museo do Viño de Galicia adicamos varias salas a todos estes oficios artesanais que foron dalgunha maneira indispensábeis para a producción e consumo do viño como foron os cesteiros, comunidades que fabricaban os cestos para o transporte da uva nas vendimas e tradición aínda viva en Mondariz, ou os ferreiros, sen os cales non se tería acceso a toda aquela ferramenta precisada para traballar nas vides. É tamén o caso dos cubeiros e toneleiros, que fixeron posible a fermentación en cubas de madeira e o transporte do viño para a súa comercialización, e sen dúbida a alfarería tradicional cuxa vinculación imos estudar brevemente a continuación. 

É ben sabido que para beber viño e vendelo é preciso un recipiente, temos na testa a imaxe dos vikingos noruegos bebendo en grandes cornos de animáis como inicio do que moito máis tarde serían as copas de viño de vidro ás que estamos acostumados, pero no percorrido a olería chegou a basar a súa producción nas necesidades básicas da elaboración e consumo do viño establecendo entre elas un vencellamento cultural histórico e case sentimental.

Esta relación tan estreita entre o viño e a cerámica tradicional xorde xa no Antigo Exipto. Atópanse grandes ámboas de barro cocido con restos de viño como parte do enxoval funerario que indican que xa no 8000 a.C. se fermentaba o mosto en cerámicas. En Galicia temos constancia de que xa existía o comercio vinícola no século V a.C., data da cal se conservan fragmentos de ánforas con viño procedentes da Magna Grecia no castro de O Neixón Grande. Segundo a profesora Josefa Rey este sería o ciclo comercial máis antigo do viño en Galicia. Desta mesma época atopamos pezas cerámicas relacionadas directamente co viño como as cráteras, empregadas para misturar auga e viño, as tinaxas craterianas tamén e as dolias de almacenaxe das Rías Baixas.

Outras pezas cerámicas clave nadas da cultura vinícola son as xerras de viño de Loñoá das Olas,  un tipo de xerra máis humilde para o consumo diario do viño no ámbito doméstico, máis sinxela, e a “xerra das festas” específica para usar nas festividades e que levaban un cordón e diversas incisións decorativas. En Terra Chá a diferencia entre a producción dunha xerra de auga e unha de viño estaba no bico, pois facían o das de viño moito máis pechado e estreito para beber aos poucos. Entre os cacharreiros de Niñodaguia era comun enfrontar varios bicos para compartir o viño durante as labores agrarias. A barrila de Portomourisco engadía dúas asas á xerra das que se colgaba unha corda para transportala.

 Pero sen dúbida a peza que máis explicita esta adaptación dos oleiros á cultura vinícola é a cunca, o recipiente máis representativo para o consumo dos viños galegos. Segundo o experto Luciano García Alén, foron os cacharreiros de Buño os que se profesionalizaron na creación destas pezas tan tradicionais e coñecidas, establecendo tres tipos para cada clase social:  as “Cuncas dos pobres”, o modelo máis antigo, feitas de barro pardo de escasa calidade e vidrada soamente no interior; os “cunquelos”, presentaban xa un barro liso ou debuxos esquemáticos que atendían a persoas cun nivel económico mellor aínda que non o suficiente; serán as “cuncas dos ricos” ou “escudillas”, feitas en barro branco decorado con incisións, que cun borde máis plano para o placer do beber e vidradas por ambos lados ás representativas da clase social máis alta. 

Será o grupo de oleiros de Gundivós o que máis se especializou na creación de pezas de adega para atender a producción vitivinícola da Ribeira Sacra. Empregaban un tipo de cocción específica que lle daba un característico ton negro e resina de pino para impermeabilizar o interior permitindo garantir a calidade e boa conservación do viño. Actualmente, nesta mesma área xeográfica podemos atopar unha adega representativa que retoma o sistema tradicional de fermentado en grandes ámboas de barro cocido.