O viño, o cáliz e a última cena

7 de Abril do 2024
O viño, o cáliz e a Última Cena

O pasado luns rematou Semana Santa, conmemoración da paixón de Cristo na cultura cristiá. A maior parte de nós, ao falar de paixón, aparécensenos na imaxinación certos momentos concretos: un campo de oliveiras, Xudas bicando a Xesús, a subida ao monte Gólgota…, etc. Unha destas imaxes é, sen dúbida, a derradeira cea dos apóstolos con Xesús. O momento ápice desta comida pascual é a consagración do pan e do viño, ou sexa, a transubstanciación de Cristo no pan e no viño: Tomad y comed, esto es mi cuerpo” … “Tomad y bebed, esta es mi sangre” (Mateo 26, 26-29; Marcos 14, 22-25; Lucas 22, 14-20).

De entre os símbolos presentes nesta escena imos destacar dous. Tanto o cáliz como o viño foron temas de debate e controversia entre historiadores, teólogos ou, en resumo, calquera persoa interesada no tema. 

O Santo Graal foi enormemente venerado e tamén buscado. Moitos son os textos nos que se concentran as lendas que relatan a súa historia e o seu paradoiro actual. Chrétien de Troyes (ca. 1130-1180) foi uns dos primeiros en mencionalo na sua narración inacabada Perceval, de clara influencia cristiá. Trata da chegada do cabaleiro con este nome ao castelo do Rei Pescador, quen lle mostra un cáliz cunha especie de oblea milagreira. 

Moitas son as reliquias consideradas Santo Graal ao longo e ancho de todo o mundo: Siria, Xénova, Viena, Gales, etc. Mesmo na Península Ibérica, con nada máis que tres exemplares, máis ou menos cuestionados, desta copa histórica: 

  • O Santo Graal da Catedral de Valencia, conservado na antiga sala capitular. Consta dunha copa de ágata de 7 cm. de altura e 9,5 cm. de diámetro e cun pé con asas engadido posteriormente. Segundo a tradición, tróuxoo dende Roma San Lorenzo mártir.
  • O Cáliz de dona Urraca, ubicado na Basílica de San Isidoro de León. Componse de dúas copas ou cuncas de ónice de orixe romana. Tras a doazón dun califa fatimí ao rei Fernando I o Magno, herdouno a súa filla, Urraca de León.
  • O Santo Graal no Mosteiro de Santa María do Cebreiro, en Lugo. Relaciónase cunha lenda na que se conta como un monxe pouco comprometido cos seus deberes foi testemuña, no momento da consagración, da transformación da hostia e do viño en carne e sangue. Foi longa a crenza de que este é o cáliz que figura no escudo de Galicia, mais no recente estudo do medievalista Mathew Kuefler, How the Holy Grail ended up in O Cebreiro, Galicia (2012) afírmase que a asimilación dun co outro foi resultado dun fenómeno lingüístico, a paronimia, que precisamente defínese como: a confusión de dúas palabras semellantes na súa etimoloxía, forma e/ou son. 

 

Por outra banda, o viño sempre estivo ligado ao cristianismo e conta cunha gran importancia dentro do relato bíblico (Noé plantando un viñedo, as vodas de Canáa) e na liturxia xa que, como xa se comentou, representa o sangue de Cristo na Eucaristía. Hoxe en día este ritual perpetúase. Habitualmente nas nosas parroquias o cura segue ofrecendo o viño rebaixado con auga... agora ben, como sería o orixinal? Esta pregunta obsesionou tanto a enólogos como a estudosos da relixión que, dende fai xa uns anos, intentan recrear este bebida datada de case 2000 anos atrás. Para isto, investigadores e científicos da Universidade Ariel (Cisxordania) crearon un proxecto co que lograron identificar 120 variedades de uva que medraban en Israel naquela época. De todas elas, hoxe en día supóñense 20 as posibles, sendo un antepasado da actual Syrah a máis cultivada naquelas terras.

Tamén foi obxecto de estudo o proceso de elaboración. Destes, extraeuse que fai dous milenios era habitual agregar ao viño auga, mel, herbas e especias. Ademais, almacenábase en odres ou peles de cabra, ou mesmo se deixaban ás uvas expostas ao fume. De igual maneira, tamén se baraxa a idea de que puido ser denso e moi doce xa que, en zonas cercanas a Xersusalén, atopáronse xerras con inscricións: “Vino hecho con pasas negras”, “Vino ahumado” e “Vino muy oscuro”. Polo tanto, unha das opcións é que o viño que beberon Xesús e os seus discípulos nesa derradeira cea fóra denso, de certo corpo, cun leve anello con aroma afumado, unha gradación alcólica en torno aos 14 grados e dunha uva pariente da actual Syrah.

Deixámovos tamén unha serie de enlaces, cos que poderedes acceder aos contidos cos que nos documentamos para elaborar esta pequena investigación.

O cadro é La Cène, de Pascal Dagnan-Bouveret (1896). Arras, Musée des Beaux-Arts.