O viño laranxa

18 de Xaneiro do 2025
Copa de viño laranxa.

Se pensamos en tipos de viño chegan á nosa mente, entre outras, palabras como tinto, branco, rosado, clarete ou espumoso. A todas estas tipoloxías habería que engadir unha cun nome máis peculiar, a dos viños laranxas ou brisados.

Malia a aparente rareza da súa cor, que lles da nome, estes caldos alaranxados distan de ser unha novidade ou unha excentricidade recente e poden remontar a súa historia e orixe a miles de anos en países como Xeorxia.

O viño laranxa está feito con uva branca. De onde sae, entón, esa coloración que pode transitar entre o ámbar e o alaranxado máis profundo? En realidade, o que permite que os viños brancos acaden os seus pigmentos sutís e case transparentes é a pronta separación do mosto e a pel das uvas, que son as que maioritariamente conceden as tonalidades aos caldos. No caso dos brisados, o proceso a seguir é comparable ao empregado para a produción de viño tinto. O mosto e as peles déixanse fermentar xuntos e a froita remata por concederlle propiedades ao líquido final que normalmente están ausentes nos brancos: entre outras, unha pigmentación máis profunda e marcada e a presencia de taninos.