A madeira galega, imaxe e aroma dunha paisaxe.

15 de Abril do 2022
cesto carral

Carballo, castiñeiro, salgueiro, faia, acacia… non son estes só nomes de especies presentes nas nosas paisaxes, algunhas con máis fortuna e aprecio que outras, senón que ademais constitúen -ou constituíron- un ben imprescindible para o desenvolvemento da industria madeireira do país en diferentes ámbitos. 

Que Galicia é o resultado dunha convivencia fantástica entre mar e bosque, azul e verde, costa e interior non é sorpresa e é precisamente desa parte interior da que proviñan principalmente as materias primas usadas para os toneis, as cubas, os mangos das ferramentas, os culeiros, as vigas dos lagares, etc.  Sen dúbida, unha das preguntas máis frecuentes por parte das persoas que nos visitan é, “de que está feito este tonel? e este cesto? e este fuso?”. Son diversos os obxectos da colección permanente do Museo do Viño realizados a base de madeira e a resposta varía en función do suxeito. A propia evolución dos lugares permítenos comprender como se vai desbotando o uso de certos materiais ou a desaparición de oficios coma os cesteiros ou os toneleiros, moi ben estudados na nosa terra pero languidecidos no tempo. 

O castiñeiro, unha das nosas especies máis prezadas e sen dúbida mellor rendabilizadas, tanto nos vale a súa madeira como o seu froito, usábase tradicionalmente para toneis que transportarían os viños galegos alén das fronteiras e para a almacenaxe dos viños que se vendían a granel. Mais a día de hoxe estas madeiras, que si segue a superar fronteiras, xa non o fai cos nosos viños, senón como principal madeira importada por Irlanda para os seus whiskies. Isto débese principalmente a que oficios coma o de toneleiro ou cubeiro escasean en Galicia e porque a industrialización dos traballos do campo e a produción en cadea das ferramentas fai que estas sexan importadas e non se lle dea uso á nosa madeira para unha fouce, un podón, unha coitela, etc. Esa é a principal consecuencia de que as nosas madeiras viaxen fóra das nosas fronteiras, por exemplo á Illa Esmeralda, onde valoran a elevada presenza de taninos das madeiras de castiñeiro galegas e asturianas.

No canto do carballo, o seu uso estaba fondamente vinculado á vinificación e para ser máis específicos segundo Manuel Almuíña era máis doada de traballar a carballa (carballo femia que ten menos nós), segundo recolle Victor Manuel Castro no segundo tomo da Colección Vitivinícola dirixida por Xosé Carlos Sierra. En contra do efecto que buscan os irlandeses, Almuíña puña a madeira a remollo para eliminarlle os taninos e mesmo usaba a madeira para os arcos se as pezas ían ser destinadas ao vinagre, xa que o ferro deteriorábase co acedume daquel. Sobre Almuíña e a súa forma de traballar ten o Museo do Viño un documento audiovisual que permite ver a técnica deste último toneleiro do Ribeiro.

Outras madeiras empregadas en Galicia para a produción de toneis eran a faia, o loureiro ou o breixo, e a súa demanda dependía máis da localización xeográfica, en función a especies con maior ou menor presenza na zona empregrándoas ademais de para os toneis para as empuñaduras da ferramenta ou os cepillos de carpinteiro.

A relación coa madeira vén condicionada por diferentes factores, ás veces pensamos só en madeira se vemos unha cuba ou un tonel, pero os cestos, as estacas das viñas, os mulidos ou os barcais, entre outras pezas vinculadas á vitivinicultura tamén fan uso dese recurso natural que habita e da cor e olor á configuración da nosa paisaxe. Só se trata de poñer á madeira de novo no centro, coidar os nosos montes e recuperar a memoria e a biografía de cada obxecto que nos rodea.