A cultura do viño máis aló das nosas fronteiras: O viño en Oriente Medio.

29 de Xaneiro do 2023
O viño en Oriente Medio

No Próximo Oriente o viño era considerado un produto exótico, sagrado, de prestixio destinado ás elites, que o utilizaban en cerimonias relixiosas e rituais como as liberacións e en banquetes tanto sociais como funerarios para facilitar o contacto co máis alá e cos Deuses.

O uso ritual do viño está confirmado dende a prehistoria, como ben o documentan os numerosos xacementos como Armení-1, o que confirma a práctica de rituais funerarios nos que o viño tiña un papel fundamental.

Outra proba é o descubrimento de instrumentos e ferramentas de viticultura e vinificación que conforman unha rudimentaria pero completa prensa no interior dun espazo funerario con cestos, prensas, cubas, etc. E en Turquía atopáronse os restos máis antigos de recipientes que conteñen viño que datan do 5.400 a.C.

Serán os sumerios, no III milenio a.C., os primeiros en cultivar a vide como tal para obter viño, facendo referencia en numerosos escritos aos viñedos sagrados rexentados pola deusa Siduri, símbolo da inmortalidade ao renacer e morrer no campo cada ano.

Tamén hai que destacar que os sumerios teñen deuses relacionados coas plantas e os cultivos, como: o deus Pa-Gestín-dug, o da boa cepa, e a súa muller Nin-kasi, dama do froito embriagador, e deusa de alimentos fermentados como a cervexa.

O cultivo da vide e a produción de viño no Próximo Oriente e Mesopotamia acadou o seu máximo esplendor no V milenio cos hititas que, como os sumerios, conferían á vide e ao viño un carácter sagrado.

Desenvolveron extensivamente o cultivo da vide e as instalacións de produción de viño, ampliando adegas, lagares e optimizando o rendemento na obtención do viño. Ademais, definiron un marco de protección arredor da vide e do viño e estableceron unha normativa comercial e un réxime sancionador.

O rei Hammurabi de Babilonia, no coñecido Código de Hammurabi, tamén introduciu leis relativas ao comercio, consumo e fraude arredor do viño.

A xeración de viño excedente, o seu control e xestión para favorecer o intercambio e o comercio con outros pobos perpetuarase por todo o Mediterráneo durante séculos. Estes excedentes foron utilizados como elemento de prestixio e intercambio por parte de fenicios, foceos e gregos aos pobos indíxenas que visitaban para cumprir co protocolo de hostalería para manter relacións comerciais estables.

Un exemplo sería o palacio de Tel Kabri en Israel, que conta con almacéns onde se atoparon máis de 400 recipientes que conteñen restos de viño.

Fotografía: Relieve onde se mostra un banquete do último período Hitita- Museo Turquía