As cooperativas

26 de Agosto do 2022
Cooperativa de Leiro

Nun momento de precariedade como foi a posguerra española, na que as circunstancias  económicas da época fixeron que a figura individualista do adegueiro e campesiño se volvese insostible, nacen as cooperativas nun intento de solventar a situación. 

A falta de medios tanto económicos como físicos fixo que a produción de viño e o cultivo dos viñedos excedesen os custos estipulados chegando mesmo a dar perdas no canto de ganancias, polo que se optou por un novo modelo de unión coñecido como cooperativas. 

Coa creación destas novas entidades os produtores podían reducir os custos, aumentar a calidade do viño e incrementar a remuneración do produto. Un dos grandes avances coas cooperativas foi a almacenaxe, xa que antigamente os pequenos produtores non contaban co espazo suficiente e tiñan que vender o viño nun curto período de tempo para poder ter sitio para a seguinte colleita, coa formación das cooperativas este problema solucionouse. Outra das melloras que se fixo coa creación destas novas entidades foi a eliminación dos intermediarios, as vendas do viño realizábanse de forma directa dandolle maior importancia a figura do produtor como comerciante contribuíndo así ao incremento dos ingresos e dedicándose completamente á venda por xunto para obter unha maior rendibilidade, deixando a venda directa ao consumidor para ocasións excepcionais. 

Ademais, ditas entidades non podían liquidar con atraso a colleita dos pequenos viticultores, polo que estes utilizaban a chegada da uva como fonte de crédito, dándolle á cooperativa pouco marxe de manobra. Se engadimos as colleitas fortuítas, a continua oscilación do mercado e a caída dos prezos debido á sobreproducción do viño, dános a entender que no século XX a venda do viño por medio das cooperativas era complicada e moi limitada, aunque por otra banda, a aparición das cooperativas trouxo consigo un maior control nas medidas de calidade, de hixiene e de regulación.

En Galicia decídese unificar o sector vinícola en dúas grandes adegas cooperativas, situadas estas na Ribeira do Miño e no Ribeiro do Avia, cunha capacidade de entre 250 e 500 adegueiros asociados. En 1952, o réxime de Franco decidiu por lei que o cooperativismo estaba subordinado aos intereses nacionais baixo a tutela absoluta do sindicalismo oficial. Finalmente en 1953 inaugúrase a primeira cooperativa vitivinícola de Galicia no Ribeiro, hai 69 anos, e que actualmente continúa en funcionamento .