As adegas tradicionais, lugar de acubillo do viño.

18 de Marzo do 2021
A adega de Santo André de Camporredondo.

As adegas tradicionais conforman un dos bens patrimoniais máis representativos vencellados coa tradición vitivinícola, polo que conteñen en si mesmas un considerable valor cultural, histórico, pero tamén etnográfico xa que aportan unha interesante visión acerca dos modos de vida e os costumes máis ancestrais.

As adegas atópanse emprazadas en paraxes excepcionais, ben nunha zona periférica preto de viñedos e doutras terras de cultivo ou dentro do núcleo urbano, xa fose nun edificio contiguo ao caserío ou nunha estancia específica dentro do fogar familiar. Polo xeral, acostumaban a escavarse en terras arxilosas que permitisen traballar e sustraer facilmente o material do terreo e así facilitar os labores construtivos.

Era preciso que as adegas mantiveran unhas condicións ambientais de temperatura e humidade relativa moi constantes ao longo de todo ano. Debido a que se buscaban unhas condicións óptimas escavábanse nun estrato subterráneo onde prevalecían os espazos escuros, moi frescos e secos. Nas súas estancias interiores era onde se producían os procesos de fermentación e conservación dos mostos recén estrullados ou prensados, e malia a posterior produción e crianza dos viños nas cubas e nos toneis.

Un dos elementos máis destacados deste tipo de adegas son as súas portas de acceso fabricadas en recia madeira, as cales contan cun característico enrexado que permite a axeitada ventilación interior, un factor do máis importante para a conservación da adega. Por outra banda, había adegas ás que tamén se podía acceder a través dun estreito canón de acceso conformado por un dintel lixeiramente apuntado. A medio camiño deste túnel, e nun dos seus laterais, podiamos atopar un pequeno espazo para a reunión e o descanso dos traballadores.

O entramado interior destas adegas distribuíase nunha ou en varias galerías escavadas directamente no terreo e que permanecían conectadas entre si a través de pequenos corredores. Estas naves, que tamén poden levar o nome de sisas, eran o lugar ideal no que se almacenaba o viño, e a súa distribución e lonxitude variaban dependendo da adega en cuestión.

Aínda que os anteriores elementos mencionados son comúns ás adegas tradicionais, o certo é que existen outros como as chemineas de ventilación, e incluso existían adegas que contaban co seu propio lagar ou cunha prensa resgardados nunhas das naves do interior.