Día Internacional do Patrimonio Mundial

Visitas guiadas especiais

De
15 de Novembro do 2020
ao
21 de Novembro do 2020
-
12:00 e 18:00
no Museo do Viño de Galicia
Lagareta ambulante - Museo do Viño de Galicia

Domingo 15 de novembro: 12:00 e 18:00
Xoves 19 de novembro: 12:00
Venres 20 de novembro: 12:00 e 18:00
Sábado 21 de novembro: 12:00 e 18:00

Entrada e visitas guiadas gratuítas.
É necesario facer reserva previa.

RESERVAS:
informacion-museodovinho.cultura@xunta.gal

988 783 075

Co gallo do Día Internacional do Patrimonio Mundial, que se celebra o 16 de novembro, dende o Museo do Viño de Galicia queremos poñer en valor a elaboración tradicional do viño no Ribeiro a través dunha achega especial, unha das pezas conservadas no museo: a lagareta ou prensa móbil.

 

Ficha Técnica

Inventario: 1010
Materiais: Madeira e Ferro
Técnica: Produción artesanal
Datación: 1876-1900
Dimensións:
Alto: 210 cm
Ancho: 108 cm
Profundidade: 130 cm

"Lagareta"

 

Este tipo de prensas, tradicionalmente realizadas en madeira, aínda que acostumaban a estar reforzadas con tirantes de metal que soportasen os empuxes; estaban formadas por varios elementos: o canistrel (o contedor central) a mesa (ou tapa) e o fuso. Precisamente este úlitmo é o encargado de, o ir xirando e baixando, empurrar a mesa que exerce presión sobre o bagaño (a uva xa sometida ao proceso de pisado ou estrullado) que fora depositado no canistrel. Por unha esquina cun buraco da base da lagareta termina por verterse o líquido resultante do prensado.

 

"Lagareta"

"Lagareta"

"Lagareta"

"Lagareta"

 

Empezou a ser utilizada a partir de finais do século XIX como solución para os pequenos propietarios de viñedos que, trala caída dos lagares comunais, precisaban prensar o bagaño. Se ben os pequenos viticultores non podían ter acceso aos lagares privados como o clero, a fidalguía, ou as grandes casas, tampouco eran quen de ter una prensa ou lagareta. É así como os que conseguían ser propietarios destas prensas comezaron a adaptalas engadíndolles rodas que lles permitisen, coa axuda dunha forza animal, achegar a ferramenta aos outros produtores de viño da contorna.

 

"Lagareta"

 

Especialmente ás parroquias de Razamonde, Trasariz e Sanín chegaban os donos das lagaretas que terminarían por configurar un novo oficio ambulante vinculado ao viño, o de prensador. Queremos acompañar esta peza con diferentes fotografías que recollen a práctica ambulante destes traballadores, que son mostra do traballo fundamental que é a investigación e a documentación do patrimonio para o seu coñecemento e así poder conservalo, difundilo e poñelo en valor.

 

"Lagareta"

 

Co paso do tempo aparecerán as prensas de ferro (como as producidas pola fundición Malingre, da que se conserva un exemplar no Museo do Viño de Galicia) que se converterían en obxectos habituais das adegas tradicionais, e as pezas de madeira comezarían, xunto coa práctica do oficio vencellado a elas, a caer en desuso.

 

"Lagareta"

 

Con motivo da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial, queriamos, con esta lagareta, subliñar a importancia da conservación de este tipo de bens que motivou que, tras deambular por diferentes lugares, a súa última parada fora a do Museo do Viño de Galicia. Entendeuse a súa adquisición como necesaria para poder explicar a evolución histórica do proceso vitivinícola. A peza como ben material fálanos do proceso do prensado, do patrimonio vinculado á elaboración tradicional do viño, pero tamén é quen de ilustrar o patrimonio inmaterial vinculado a un oficio como é o do prensador.

 

"Lagareta"

 

Ademais da documentación, destacamos a restauración como outras das accións que facilitan unha correcta e máis doada lectura do ben. Tras diferentes tratamentos de limpeza, desinsectación e reintegración volumétrica e cromática, agora podemos achegarnos á peza dunha maneira máis adecuada e ademais, facilitar a súa conservación para que chegue nas mellores condicións ás xeracións futuras.

 

"Lagareta"

"Lagareta"

"Lagareta"

 

Visita virtual ao Museo do Viño de Galicia