30 de Maio do 2026
A rigoroso escote, con imaxe corporativa propia e coa ilusión cunqueiriana de planificar meticulosamente cada viaxe coa gastronomía e o enoturismo como obxectivo, esta ducia de amigos ourensáns teñen viaxado dende A Toscana ata Monterrei, de Toro ata o Bierzo, para coñecer en profundidade o viño e a cociña de cada rexión, dende moito antes que a palabra "maridaxe" estivese na diana dos influencers coma un mantra.
Sen complexos, con escudo e camiseta con logotipo, a Peña "Paparotas" (con destacados membros compartidos coa Irmandade dos Viños de Galicia) decidiu mergullarse a pasada fin de semana na comarca do Ribeiro, coa imprescindible visita ao Museo do Viño de Galicia, aos viñedos de Antonio Amil e a Cuñas Davia incluídas.