A Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) Carballiño-Ribeiro entregou o pasado mércores no Museo do Viño de Galicia os premios do I Concurso de Fotografía “Patrimonio e Enogastronomía do PSTD Carballiño-Ribeiro”, unha iniciativa que naceu co obxectivo de promover e difundir os recursos culturais, naturais, etnográficos e gastronómicos deste territorio a través da creación fotográfica. O Museo do Viño de Galicia alberga dende hoxe a exposición temporal nos soportais do edificio cunha selección das mellores fotografías recibidas. A mostra reúne as obras de once autores diferentes, incluídas as tres imaxes premiadas.
O certame desenvolveuse entre o 22 de maio e o 5 de xuño e acadou unha excelente acollida, con máis de 50 fotografías presentadas por diferentes autores que souberon captar a esencia da comarca.
O primeiro premio recaeu en Severino Ferreiro, pola fotografía “Enfornando. Forno de Maruja. Cea”, unha imaxe que rende homenaxe ao Pan de Cea e na que se pode observar un forno tradicional mentres se prepara masa de pan artesanal, evocando así un dos oficios máis representativos da comarca. O segundo galardón foi para Alejandro Ramil, coa fotografía “A viña”, unha instantánea que retrata unha plantación vitivinícola e pon en valor a histórica relación desta zona de Galicia coa cultura do viño. O terceiro premio correspondeu a Nicolás Varela, pola obra “Polbo á feira”, unha imaxe dedicada a un dos pratos máis emblemáticos da gastronomía galega e sinal de identidade do Carballiño.
A entrega dos premios contou coa participación do presidente do GDR Carballiño-Ribeiro, Francisco José Fernández Pérez, e da directora do Museo do Viño de Galicia, María Pilar Núñez Sánchez, xunto co alcalde de Ribadavia, César Fernández, que felicitaron aos premiados e agradeceron a participación rexistrada nesta primeira edición do concurso.