Imaxes do viño en Galicia

2 de Setembro do 2021
Presentación da exposición temporal "Imaxes do viño en Galicia"

O Museo do Viño de Galicia presentou na mañá do 2 de setembro a exposición “Imaxes do Viño en Galicia” sobre a evolución do etiquetado do viño, esa parte tan fundamental para recoñecer unha botella que supera en ocasións ao propio nome da adega ou da Denominación de Orixe da que procede. 

Como de determinantes son as etiquetas? Esta exposición vén a complementar a presenza de ditos elementos na xa exposición permanente do museo e forma parte dun proxecto de investigación do Museo Etonolóxico de Ribadavia. A mostra, comisariada pola doutora en Historia da Arte, Dna. Miriam Elena Cortés López, é froito dunha investigación baseada nos propios fondos do museo, así coma en doazóns. 

A imaxe dun viño esconde múltiples lecturas, a quen se dirixe a mensaxe, como a dirixo, debo modificar a súa estética, como se produce esa evolución, como se reinventa esa imaxe, como a etiqueta fala da historia da adega, do lugar do que procede o viño, etc. O centro desta exposición é unha cuestión de imaxe, a botella e o seu vestido son elementos esenciais da proxección dunha adega no mercado. Nunha das salas da mostra faise ese percorrido por medio da coleccción Amadeus da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, vinculando o consumo do viño cunha imaxe orixinal de botellas serigrafiadas por artistas de renome na tradición artística galega (Virxilio, Lodeiro, Díaz Pardo, Moncho Borrajo…) e tratando de facer estable esta exposición como parte fundamental da cultura vitivinícola que homenaxea o Museo do Viño de Galicia. 

Nesta mostra trátase de dar resposta á evolución do deseño, de aí que non se limite á mentada colección do Ribeiro senón que tamén están presentes outras marcas senlleiras das cinco denominacións galegas, facendo de novo un percorrido pola historia da cultura do viño en todo o país. 

Ao evento inaugural acudiron e dedicaron verbas agarimosas polo bo facer na investigación á comisaria: o secretario xeral da Xunta de Galicia, D. Anxo M. Lorenzo, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, D. César M. Fernández, a alcaldesa do concello de Ribadavia, Dna. Noelia Rodríguez e o director do Museo do Viño de Galicia, D. César Llana.