Feijóo destaca que o Museo do Viño de Galicia será o gran escaparate da nosa cultura vitícola e a casa común dos viños de Galicia

19 de Xullo do 2019
Feijóo destaca que o Museo do Viño de Galicia será o gran escaparate da nosa cultura vitícola e a casa común dos viños de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o Museo do Viño de Galicia será a o gran escaparate da nosa cultura vitícola e a casa común dos viños de Galicia. Nesta liña, incidiu en que será un referente na materia non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado.

O museo recupera e pon en valor unha parte importante do legado de Galicia a través dunha actividade milenaria; amosa a historia e a paisaxe do viño, que é unha paisaxe agraria propia de Galicia; e visibiliza o traballo de mulleres e homes viñateiros que teñen neste museo un lugar onde verse representados. En concreto, o espazo monográfico estará dividido en 7 eidos: os territorios vitícolas e a humanización da paisaxe agraria modificada por este cultivo desde a Idade Media; as actividades da viticultura; as denominacións de orixe; as variedades vitícolas; a comarca do Ribeiro; a produción en mosteiros, granxas e priorados; e un último ámbito centrado no traballo da adega.

Durante a inauguración do museo, Feijóo destacou que os fondos iniciais ou colección estable están constituídos polos bens do patrimonio cultural galego pertencentes á Comunidade Autónoma e precisou que a xestión deste museo dependerá da Xunta e a dirección será exercida pola dirección do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

O presidente do Goberno galego destacou que a Xunta destinou máis de 1,1 millóns de euros para rehabilitar a Reitoral de Santo André de Campo Redondo, onde se empraza o centro; e máis de 700.000 euros para a instalación do proxecto expositivo e actuacións de museografía. Así, en total, a Administración autonómica investiu 1,8 millóns de euros.

Nesta mesma liña, agradeceu a colaboración de todos os axentes implicados como a Diocese de Ourense, que cedeu o senlleiro edificio onde se ubica o museo e que data do século XVIII. Ademais lembrou a iniciativa e colaboración das 5 denominacións de orixe, as 5 rutas do viño e os profesionais do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Tamén subliñou que a Xunta está a traballar co Concello de Ribadavia para deseñar un aparcamento axeitado ás necesidades do Museo dentro dunha acción integral da mellora da súa contorna.

Así, salientou que a colaboración administrativa é fundamental para poñer a andar unha institución cultural coma esta. E aseverou que a Xunta traballa para outorgar aos museos o protagonismo que merecen. Non en van, o Consello da Xunta autorizou o inicio da tramitación do Anteproxecto da que será a primeira Lei de Museos e outros centros museísticos de Galicia.

Ademais, o titular do Goberno galego destacou que o vitivinícola non só se configura como sector agroindustrial, senón que tamén no referente ao turismo ofrece moitas oportunidades. Lembrou que a enogastronomía é o segundo motivo que esgrimen os turistas para visitarnos e subliñou o crecente interese pola cultura do viño. Para concluír sinalou que o vitivinícola é o sector agroindustrial máis exportador e supón unha panca de crecemento para o rural.

Información para o visitante

O acceso ao Museo do Viño de Galicia é gratuíto. Ademais, o horario ordinario é, entre o venres e o domingo de 10 h a 14,30 h e pola tarde de 16 h a 19,30 h, mentres que e o xoves en horario só de mañá. Durante o verán o horario da tarde modifícase e é de 17 h a 20,30 h. A partir de mañá xa se pode visitar.

Ademais, o Museo contará cunha aplicación interactiva para os visitantes como ferramenta de promoción do propio museo, das cinco Denominacións de Orixe do Viño de Galicia e das cinco Rutas do Viño. Esta guía interactiva concíbese como unha ferramenta esencial para complementar o discurso e a propia exposición, sen desprazar a experiencia real. Será unha aplicación de descarga gratuíta desde plataformas para dispositivos móbiles (IOS, Android...), en varios idiomas (galego, castelán e inglés) e accesible (incorpora subtítulos, lingua de signos, audiodescrición...). A aplicación estará dispoñible a finais de mes.