A enoloxía e a solidaridade, moi presentes no evento “CatArte”.

8 de Decembro do 2024
Evento "CatArte"

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, en colaboración coa Deputación de Ourense xunto co Centro Cultural Marcos Valcárcel, leva unha década organizando un evento solidario que harmoniza enoloxía e arte e no que cada edición asenta unha maior presenza e interese: “CatArte”.

A entrada é solidaria, tendo un prezo simbólico de cinco euros por cada asistente e sesión. En cada unha das xornadas é posible asistir á presentación e degustación guiada de viños de referencia de distintas adegas e colleiteiros pertencentes á D.O. Ribeiro, complementadas todas elas por unha actuación musical.

Esta iniciativa ten por obxecto recadar fondos destinados á asociación ourensá sen ánimo de lucro Aixiña, pola súa labor enfocada nas persoas con discapacidade física, parálise e dano cerebral, terceira idade dependente, adaptándose ás súas necesidades a través de múltiples programas, actividades e servizos, co fin de lograr a súa plena integración en todos os ámbitos da vida.

Nesta edición de 2024, celebrada os xoves 14, 21 e 28 de novembro, foron Casal do Canteiro, Pousadoiro, Bodegas Cunqueiro e Bodega Alanís as adegas participantes.