A Copa de Néstor de Isquia

1 de Marzo do 2025
Copa de Néstor de Isquia

“Son a copa de Néstor boa para beber

quenquera que beba desta copa

apoderarase inmediatamente del o desexo pola fermosamente coroada Afrodita”

Estes versos, inscritos nunha copa de tipo skyphos ou kotyle, pódense datar entre o 735 e o 720 a.C. e fálannos dunha serie de interesantes cuestións: a bebida e a cultura do viño na Antigüidade, as súas resonancias poéticas e a orixe do alfabeto grego. Xunto coa inscrición do Dípilon é considerada como unha das primeiras evidencias escritas neste alfabeto. 

Ademais, constitúe unha curiosa referencia ao efecto que o consumo de viño pode ter sobre o comportamento humano. O fragmento, que fala dos influxos da deusa Afrodita, tan de actualidade no anterior mes de febreiro, relaciónase coa literatura homérica e particularmente con Néstor, personaxe que loitaría no bando grego na Ilíada.