Catas Sonoras no Museo do Viño de Galicia

O Museo do Viño de Galicia acollerá o último xoves de cada mes -dende xuño até setembro- concertos de balde na súa terraza.

De
24 de Xuño do 2021
ao
30 de Setembro do 2021
-
20:30
Museo do Viño de Galicia
Catas sonoras Museo do Viño de Galicia

Comezan as tardes de concerto no Museo do Viño de Galicia, deste modo o Museo reaviva o pulso das súas actividades públicas celebrando a chegada do verán co programa de concertos ao aire libre "Cata Sonora". O primeiro, con aforo limitado, espazo interpersonal e na terraza do museo, terá lugar xusto tras a chegada do solsticio de verán, o próximo xoves 24 de xuño, a cargo de "Mister Cool". 

As sesións musicais comezarán ás 20:30, con asentos a metro e medio de distancia e ao aire libre, na espectacular terraza con vistas ao Ribeiro do Museo do Viño de Galicia. O aforo será limitado e non se aceptan reservas, polo que será recomendable acudir á hora de apertura de portas (20:00) para non perder a praza. 

Tras o debut de "Mister Cool", o xoves 29 de xullo o concerto estará a cargo de "Víctor Aneiros e Fran Rey", con continuidade o xoves 26 de agosto con "Las Cruces", e con "Blues do País" o 30 de setembro para porlle o broche final a este ciclo de ocio cultural e de balde.