Remedios contra enfermidades

9 de April do 2023
Xofre e cobre

Tan coñecidas as pragas hoxe en día, pero tan descoñecidas no século XIX cando chegan a Europa. Como xa vos falamos en artigos anteriores sobre o mildio e o oidio estas soluciónanse coa aplicación de sulfato de cobre ou de xofre. Pero, para que serven estes elementos químicos? 

No caso do xofre este utilízase como funxicida para evitar o oidio, de xeito preventivo, sendo o seu uso estendido a mediados do século XIX en Francia e Inglaterra. Este aplícase normalmente en forma de po no viñedo, aínda que hoxe en día tamén o podemos atopar diluído en auga, o que reduce as molestias que pode ocasionar o produto nos seres humanos (como picazón). Pero ademais do poder funxicida, o xofre tamén ten poder acaricida, axudando no control de ácaros como a erinose. 

En canto ao momento de aplicación é preferible realizalo con bo tempo e sen moito aire,   pois ao tratarse dun producto que está en contacto directo coa planta, se se aplica en época de choivas estas eliminarían produto restando efectividade e, no caso de haber moito vento, este pode facilitar que non se quede na planta. 

Por outra banda, o sulfato de cobre utilízase como preventivo funxicida para evitar a aparición de mildeo. A súa eficacia foi descuberta en Francia, estendéndose o uso do chamado “caldo bordelés”, unha mestura de sulfato de cobre, auga e cal que protexía á planta do ataque do fungo do mildeu e de bacterias que puideran atacar o viñedo. Esta mestura crea unha capa protectora que evita a penetración de fungos nas follas.  

No que respecta ao seu uso, recoméndase tamén en condicións de bo clima e sen choivas, e dependendo do ano (e da súa climatoloxía) o número de aplicacións varía. 

En canto á súa aplicación, a evolución dos contedores pasou dende rudimentarias cántaras de barro que servían para o transporte do caldo bordolés (e incluso aplicación con axuda de escobillas vexetais) ata chegar a sulfatadoras de mochila ou tractores destinados a aplicar os productos fitosanitarios.