Unha problemática frecuente á hora de consumir viño é saber como gardar o sobrante para que aguante o máximo posible. Unha vez aberta a botella, o osíxeno entra en contacto co líquido e comeza un imparable proceso de oxidación que, co tempo, remata por estragar o caldo.
Para retrasar este momento, traemos distintos métodos, dende os máis tradicionais ata dispositivos altamente tecnolóxicos:
O método do trasvase. Ao pasar o viño sobrante a unha botella máis pequena e tapalo co propio corcho ao revés ou outro tipo de tapón ou rolla, a cantidade de osíxeno en contacto co líquido vese reducida.
Tapóns de presión para escumosos. Máis alá de trucos caseiros e pouco ou nada efectivos, como o de introducir unha culler, este tipo de tapóns herméticos axudan a manter a presión dentro da botella.
Se adoitas empregar o viño para a cociña, outro método para que non se estrague é conxelar o caldo sobrante en cubos de xeo listos para usar en calquera momento nas túas receitas.
Bombas de baleiro. Estes aparellos extraen o osíxeno do interior das botellas. Existen modelos manuais e tamén eléctricos.
Aerosois de gas argón. Este gas emprégase para preservar o viño polas súas características: trátase dun gas inerte que non reacciona cos caldos e, ademais, despraza ao osíxeno do interior das botellas, creando unha capa protectora.
Sistemas de peche con gas argón e agulla. Ademáis da opción previa, existen hoxe no mercado avanzados dispositivos que, coa axuda dunha agulla, permiten extraer copas de viño e introducir o gas argón sen necesidade de abrir a botella, permitindo así a conservación do viño por moito máis tempo.