Témosvos falado nalgunha ocasión da tradición vinícola no antigo Exipto, pero debemos agora poñer a atención no etiquetado, que serve como documento histórico revelador de información valiosa.
O prezado arte da viticultura e da elaboración do viño (yrp) estiveron presentes na Antigüidade, tendo como exemplo o Antigo Exipto, onde foi frecuente atopar o seu cultivo nas zonas circundantes do delta do Nilo. A vide foi unha das primeiras plantas cultivadas, atopándose restos de sementes arredor do 3.250 a.C., durante a época predinástica.
O viño converteuse nunha bebida moi valorada dotada de gran prestixio e principalmente vencellada cos rangos máis altos e privilexiados da sociedade, empregándose con fins terapéuticos ou como ofrenda aos deuses nas cerimonias relixiosas.
Foi habitual depositar nas tumbas dos faraóns axuares que describían a súa vida e que acompañarían ao falecido na súa viaxe cara a eternidade. Na tumba do faraón Tutankamon, descoberta en 1922 grazas ao arqueólogo Howard Carter, atopáronse máis dunha vintena de ánforas vinarias. Unha peculiaridade das ánforas exipcias é que contaban con interesantes inscripcións que aportaban datos acerca do viño que almacenaban. Estes selos gravados recollían información tan precisa como o ano da súa colleita, a zona de procedencia, o nome do viticultor pero tamén a súa calidade, definida en tres niveis.
Tres destas ánforas atopábanse en lugares sinalados. Unha delas, contedora de viño tinto, estaba situada ao oeste; a segunda estaba colocada xunto aos pés, e contiña viño branco; pero a terceira, orientada cara ao sur, contiña un viño moi doce e forte denominado shedeh. O selo desta última ánfora rezaba o seguinte: “Ano 5. Shedeh moi bo da Finca de Aton no Río Occidental. Xefe viticultor Rer”.
A partir da Dinastía XVIII, á que pertencía o neno faraón, comezou a ser frecuente a decoración mural destas tumbas. As súas paredes quedarían inmortalizadas con esceas referentes a banquetes nos que o viño cobraba especial protagonismo, ou amosar as distintas fases da producción e da elaboración.