Na actualidade pode resultar estraño falar de viñedo na cidade de Ourense, pero non foi así durante a maior parte da súa historia. Xa dende a Idade Media, este terreo, que moitas veces aparece mencionado como Ribeiro do Miño, acadou unha importancia vitivinícola que fixo que chegase a rivalizar co hoxe máis célebre Ribeiro do Avia.
Como parte da IXP-Viño da Terra máis antiga de Galicia, a do Val do Miño-Ourense (1987), a capital de provincia conviviu coas vides ata ben entrado o século XX e grandes autores aurienses deixaron conta disto. Tal é o caso de Ramón Otero Pedrayo, quen nos fala sobre como a principios da centuria as ribeiras dos ríos Miño, Lonia e Barbaña estaban cubertas de viñedo emparrado. Esta maneira de plantar en altura, que segundo o polígrafo galego era a tradicional destas terras ourensás, tería sido reemplazada por cepas de a pé tras a crise da filoxera.
Na imaxe, fotografía das traseiras da rúa Progreso e as ladeiras do río Barbaña cubertas de viñedo (c. 1905).