A uva Mencía, raíña da Ribeira Sacra e de Valdeorras.

8 de March do 2025
Uva Mencía

A uva Mencía agocha unha longa tradición xa que no pasado foi tan prezada que incluso os romanos cultivaron esta variedade no noroeste da Península Ibérica. Na documentación histórica tanto Estrabón (67 a.C.-24 d.C.) como Plinio o Vello (23-79 d.C.) sinalaban a existencia de viñedos na comarca casteloleonesa do Bierzo, onde predomina unha xeografía montañosa. Máis tarde, na Idade Media serían as ordes monásticas, principalmente os monxes cistercienses, as que se encargarían de estender o seu cultivo. Desafortunadamente, esta uva tamén pasou por periodos desfavorables ao sufrir os estragos ocasionados pola tan danina praga da filoxera, que chegou a Galicia a mediados do século XIX e provocou unha forte crise e a desaparición destes viñedos.

Dentro do territorio galego, a uva Mencía predomina maioritariamente nas Denominacións de Orixe da Ribeira Sacra e de Valdeorras, sendo a segunda tinta autóctona con maior producción nas Rías Baixas. A súa presenza e produción son tan amplas debido a que se trata dunha variedade fértil, de ciclo curto e que madura con gran facilidade. A simple vista os acios acostuman a ser pequenos e compactos, con baias de tamaño medio en forma elipsoidal e de pel grosa.

Destes froitos violáceos obtéñense viños suaves de excepcional calidade nos que destaca o seu intenso aroma con notas a froitos vermellos maduros e cunha acidez equilibrada. Por outro lado, tamén se emprega para a elaboración de viños novos, coa posibilidade de mesturala con outras uvas tintas autóctonas para a obtención de caldos dunha maior complexidade e estrutura.

◌  Imaxe: mrvinos.com.