A Feira do Viño a través do tempo II. Entrevista a Paco Bouzas Rodríguez.

11 de August do 2024
1

Nesta segunda entrada sobre a Feira do Viño, falamos con Paco, un veciño de Ribadavia que contaba con tres anos na primeira edición. 

Dos seguintes anos son moitas as cousas das que nos falou, as cales transcribimos aqui abaixo: 

 

-Lembras se era unha data sinalada para toda a familia ou era un acontecemento enfocado a xente especializada? Como afectaba á vila?

“Co tempo tiven a percepción de que eran días moi especiales na casa. [...] Meus pais tiñan unha droguería e notábase que había un movemento excepcional [...]. Non había onde aparcar, os bares estaban cheos e subían os prezos da hostelería [...]. Se só estivera enfocada a xente especializada no tema, virían catro almas. Hai que ter en conta que nos anos 60 e 70 a difusión de calquera producto tiña que ser in situ, éramos analóxicos". 

-Era unha feira coñecida?

A Feira era moi coñecida a nivel provincial e rexional. Aínda que viña xente de moitos sitios, a maior parte era de Vigo e Ourense [...]. No tema das afluencias e popularidade case a podería comparar coa da Festa da Istoria”.

-Comentan que, ademais da xente especializada no viño, había moita diversidade. En concreto chamoume a atención que viñan hippies. Que opinas sobre isto? Crees que esta afirmación é verdade? E, se é así, que crees que lles atraía?

“Disme que te sorprendeu este tema, pero hai que poñerse en situación: nos anos 60/70 no país había a información que había, e Ribadavia non era Madrid. No seu día. os medios de comunicación ensinaron o Festival de Woodstock, os Beatles e similares, entón calquera persona que viñera con roupa un pouco diferente, cos pelos longos, cos vaqueiros pintados… xa era hippie. Eu creo que hoxe non nos chamaría a atención. [...] Estarei enganado, pero a miña idea é que viñan por esa pequena liberdade que se respiraba neses días. Se cadra as forzas vivas eran máis permisivas porque o ambiente que se respiraba rezumaba alcol”. 

-Cres que podería ser considerado un tipo de turismo?

“Non creo que se poida considerar un tipo de turismo [...] porque non había medios económicos, e a xente que sí os tiña non creo que lles interesara moito [...]. O turismo era ir ás praias do sur ou fóra de España”.

-Que era o que atraía á xente a esta feira?

“A festa facíase na Alameda. Na parte baixa estaban os stands e instalábase un palco central (onde hoxe están as escaleiras que a dividen) que servía para as actuacións. Os bailes rexionais estaban organizados pola Sección Feminina e estaban dirixidos por Concha, de Melón [...]. Na fachada do castillo sempre se situou a "Tómbola del Trébol"; na actual J. M. Vázquez, na esquina do Progreso, situábanse os tiovivos; na esquina de Extramuros con Progreso, as voadoras, churrerías e un sinfín de vendedores ambulantes, “la suerte del pajarito”, vendedores de silbatos de auga, rodiñas que facían ruido, petardos, “trileros”… e moitísimas outras figuras propias. A un neno atraeríanlle, as atraccións, que ata as Festas do Portal non volverían: os autos de choque, cabaliños, voadoras (dúas cestiñas para dúas persoas en cada unha, unidas por uns largueiros de madeira. Unha estaba no alto e, ao baixar, facía que subira a outra), a maquinaria do campo tamén nos embelesaba, sobre todo vela funcionar. De mozo atraía, o viño que che deixaban beber porque era festa, e sentíaste case un home [...]. Os grupos ou orquestas que viñan a tocar, xa que sería unha das poucas ocasións nas que poderiamos bailar con algunha mociña (se aínda non tiñan idade para entrar ao baile). A un adulto, imaxino que os diferentes viños que se expoñían, a maquinaria que estaba exposta (a máis adiantada) e, si era agricultor, os sulfatos".