Cales son as funcións e os obxectivos de empregar as cápsulas?

21 de January do 2024
Funcións das cápsulas.

A decisión de optar polo emprego das cápsulas nas botellas descansa en cuestións estéticas, xa que a primeira impresión no mundo do viño garda unha especial relevancia, pero ao mesmo tempo tamén conta cunha razón funcional.

No tocante á protección e á hixiene, evitan que o colo da botella e a cortiza tomen contacto con factores externos como son o po, a suciedade, a presenza de insectos, e preveñen o deterioro do caldo ao favorecer o seu bo estado. Por outra banda axudan a manter o hermetismo e, ao mesmo tempo, supón unha garantía ao asegurar que a botella non foi aberta con anterioridade ou o contido alterado. A derradeira función sería a estética, que tenta reflectir o carácter e a personalidade da adega á que pertence o viño. Aínda que este último sexa un elemento relevante, non debería ser o único nin o máis decisivo.

Cabe engadir que algunhas botellas de viño non contan con estes sistemas de encapsulado, sobre todo naquelas producións artesanais, de entornos rurais ou destinadas ao consumo propio. Sen embargo, esto non é sinónimo dunha ínfima calidade. A pesar de que non sexa un elemento obrigatorio actualmente a maior parte dos viños empregan este peche ao constatarse como selo distintivo de calidade e dotar de maior beleza á botella, como elemento estético complementario ás imaxes das etiquetas.